A Feira do Viño de Quiroga bota andar cun grande éxito de público

Cata dos viños participantes na feira de Quiroga. (Foto: Nós Diario)

A XLIV edición da Feira do Viño de Quiroga arrancou esta sexta feira 3 de abril con 14 adegas, unha  programación para todos os públicos e unha alta asistencia de persoas chegadas da toda a Galiza e do Estado.

A Feira do Viño de Quiroga é un clásico da oferta etnolóxica da Galiza. Na mesma, pódense desfrutar os caldos da Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra, situados na subzona Quiroga Bibei. Esta división xeográfica específica ten unha superficie total de 420,5 hectáreas de viñedos.

O evento contará este ano coa participación de 14 adegas, sete das cales están emprazadas no propio concello de Quiroga e as outras relacionadas de maneira directa cos viñedos da zona. Neste último caso, trátase de adegas que sen ter o enderezo no municipio, contan con terras no mesmo.

40% da produción da Ribeira Sacra sae de Quiroga. A este respecto, os datos achegados para 2025 polo Consello Regulador indican que 277,4 hectáreas da Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra están emprazadas no concello de Quiroga, cuxa actividade económica está moi ligada ao viño.

Cata de viños

Os actos desta sexta feira arrancaron ás 12:30 horas cunha cata dos viños participantes na feira. Porén, a apertura do recinto feiral non se fixo efectiva até as 21 horas, rematando a xornada deste 3 de abril cun concerto no recinto feiral a cargo do grupo Rosies in Hell.

A primeira xornada da Feira do Viño atraeu unha multitude persoas ao concello de Quiroga. Neste sentido, algúns dos produtores de viño consultados por Nós Diario destacaron que o bo tempo e as datas escollidas favoreceron a presenza de xente chegada de toda a Galiza e do Estado.

Pregón

A Feira do Viño de Quiroga continúa os dias 5 e 6 de abril. Así, o sábado desenvolverase un amplo programa musical, que inclúe o tradicional certame de bandas de gaitas,  así como a lectura pregón a cargo dos actores do Edu Soto e Iván Massagué.

A presente edición da festa fecharase o domingo. Nese xornada, xunto as casetas das adegas participantes realizaranse diversas actividades de animación a cargo dos grupos de música tradicional O Recanto e Pándega.