A Feira do Requeixo e do Mel racha récords a un ano do seu 30 aniversario

Éxito de público na Feira do Requeixo na súa edición de 2022. (Foto: Concello de As Neves).
Milleiros de persoas ateigaron o centro das Neves na volta desta cita logo do paréntese de dous anos obrigado pola pandemia.

A Feira do Requeixo e do Mel deste 2022, a número 29, pasará á historia como a máis visitada. Milleiros de persoas ateigaron durante dous días o centro das Neves polo que houbo momentos no que custaba camiñar. Bares, restaurantes, cafeterías, postos de polbeiras, foodtrucks, postos ambulantes e de artesanía, terrazas e zonas de lecer tiveron un cheo tanto o venres santo, como onte sábado, no que a carpa, situada na Praza Maior, buliu.

Visitantes de todos os lugares

Persoas chegadas dende todos os concellos do Condado, procedentes de Tui, A Garda, Vigo, Pontevedra, mesmo familias chegadas dende A Coruña, Ourense e Lugo e das vilas portuguesas irmáns de Melgaço e Monçao, poideron gozar da gastronomía da zona, do requeixo e do mel e visitar algúns dos parques, paraxes e camiños das Neves, aproveitando dous días cun tempo excelente e mesmo achegarse ao río para refrescarse.

O alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, amosouse "moi ledo, agradecido e moi satisfeito" polo "éxito" desta edición que, salientou, amosou que a Feira do Requeixo volve a estar na "vangarda", contribuíndo á cultura, a gastronomía, a economía e o turismo, "non so das Neves, senon de todo o noso territorio".

Adaptándose á nova cociña

Novas propostas de elaboración de pratos salgados tendo como base o Requeixo e o Mel, como amosaron o Concurso de Receitas, o Showcooking da pasada terza feira, nas instalación de EFA A Cancela; o 'pregón gastronómico de Iñaki Bretal, do chef do restaurante 'O Eirado da Leña' e Estrela Michelín e a xornada técnica sobre o mel, "evidenciaron a capacidade de adaptación destes dous produtos ás novas propostas e tendencias gastronómicas".

Cultura, lecer e deporte

Tamén houbo tempo estes días para o deporte, dentro dun programa que comezara o pasado día 6 e que abrangueu o 'IV TTR de bádminton', "modalidade na que As Neves é unha potencia", ou a 'Andaina do Requeixo e do Mel', o domingo pasdo, na que participaron preto de 100 persoas.

Por último, o lecer e a música, con teatro para os máis pequenos, actividades na reformada Casa da Xuventude, un espazo infantil permamente, a actuación de Guadi Galego -dentro do programa 'Musigal' da Deputación de Pontevedra-, a Coral Santa Mariña e o feche desta edición, da man de 'Paraiso Canto', deron pulo a unha feira que en 2023 terá unha significación moi especial coincidindo coa súa XXX edición.