A sexta nas Neves

A Feira do Requeixo e do Mel, unha cita ineludíbel da gastronomía galega

O concello das Neves acolle a sexta feira, 30 de marzo, unha das citas de referencia do calendario gastronómico da Galiza: a Feira do Requeixo e do Mel, que enxalza o delicioso manxar aderezado con actividades para as crianzas e unha oferta cultural en que De Vacas son as protagonistas. Este ano ten un marcado acento feminino.

Como cada Venres Santo, As Neves acolle a Feira do Requeixo e do Mel, declarada Festa de Interese Turístico de Galiza e que suma este ano a súa XXVII edición cun cartaz ateigado de actividades gastronómicas e culturais e obradoiros para crianzas.

 

A feira abrirá ás 11h cunha ruada da Banda de Gaitas A.C. Pontenova, que media hora máis tarde, e logo da recepción oficial no concello, ofrecerá un concerto. Ás 12h terá lugar a lectura do pregón, que este ano corre por conta da chef Lucía Freitas –do restaurante compostelán A Tafona e membro do Grupo Nove- e será entón cando se entreguen os premios do I Concurso de Receitas Requeixo das Neves.

 

Ás 13h encetará a degustación do delicioso requeixo con mel das Neves, animada polo grupo @s Folieir@s e ás 17h comezará o espectáculo infantil Saaabor!. Unha hora após dará inicio o obradoiro de xeración ambiental enfocado ás crianzas e ás 20h chegará o prato forte da xornada, con permiso do requeixo con mel, a actuación do grupo De Vacas, coas versións en galego dos éxitos musicais do momento.

 

Por outra banda, o sábado haberá sesión vermú na Praza Maior, de 11.30 a 13.30h, con Lilicleta Disco Retro.

 

As mulleres, tamén protagonistas

 

En declaracións a Sermos Galiza, o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez (BNG), pon de manifesto que “o feito de que a feira conte xa con 27 edicións ten un significado importante: está arraigada e non só desde o punto de vista das persoas produtoras, senón tamén das consumidoras, que aprecian o produto”.

 

O rexedor nacionalista, que salienta que se trata da única Festa de Interese Turístico de Galiza dedicada ao requeixo, valoriza as peculiaridades deste produto, que está a ser incorporado, desde o punto de vista gastronómico, por persoas vinculadas á cociña contemporánea. Forma parte xa da cociña máis innovadora porque “goza dunhas moi boas calidades”. “É tradicional e contemporáneo á vez”, subliña.

 

Xosé Manuel Rodríguez lembra que a feira do requeixo “naceu porque había excedente de leite na parte norte do concello, onde había unha importante cabana gandeira” e sinala que á fronte da súa produción estiveron, tradicionalmente, as mulleres, “de aí que este ano queiramos que sexa unha feira feminina e en plural”. Neste sentido, destaca o labor das mulleres novas que están recollendo o saber tradicional para elaborar requeixos de maneira artesanal, alén da cooperativa Condado-Paradanta, que é a principal produtora do requeixo.

 

Neste contexto, o Concello quixo poñer o foco nas mulleres, “de aí tamén a elección de Lucía Freitas como pregoeira, por incorporar o requeixo na súa oferta gastronómica, ou de De Vacas para clausurar a xornada”.

 

Por outra banda, o alcalde tamén lembra a divulgación tanto do requeixo como do mel das Neves nas escolas, “fixemos o que chamamos Requeixo Miúdo para que a comunidade escolar coñeza os nosos produtos”. Precisamente, ás crianzas vai destinado o obradoiro de rexeneración ambiental, cunha clara vinculación ao labor que se está a desenvolver nas Neves após os lumes que tanto afectaron o concello, “durante moitos anos vainos acompañar esa recuperación ambiental”.

 

Un produto versátil

 

Aínda que adoita asociarse coas sobremesas, o requeixo é un produto versátil que pode ser protagonista ou acompañante de diversos pratos na cociña. Así o demostrará a chef Lucía Freitas logo do pregón desta sexta feira, onde explicará como introduciu ela o requeixo na súa oferta gastronómica.

 

O chef Fran Sotelino xa fixera o propio durante a presentación da feira na Casa de Galiza, en Madrid, onde asegurou que, amais de casar con pratos doces, casa con pratos salgados, produtos de mar ou carnes galegas. Como mostra, os pratos ideados por el: trufa salgada de requeixo con coulis de mango con crocante de nachos; galletas Mariñeiras con requeixo das Neves, chourizo e roxóns; mexillóns con requeixo das Neves, emulsión de escabeches, tartar de algas e herbas do litoral ou tataky de tenreira requeixo das Neves e rúcula e tomatiños cherry.