A Feira do Cocido de Lalín leva de todo

Actividades para crianzas e grandes, música, artesanía... unha das grandes cita gastronómicas do inverno galego non para de medrar.

A 51 Feira do Cocido prevé reunir en Lalín no seu día grande, o vindeiro domingo (día 24), 60.000 persoas. Unha cifra que dá idea da devoción que en Galiza hai por esta festa, fixa xa no calendario de moitas familias. Que este ano se batese un récord na solicitude de postos (53), indica a boa saúde da Feira, que se ben ten no porco o seu tótem e principal protagonista, non é unha simple festa gastronómica máis. Se un cocido que se preze leva de todo, a Feira de lalín, tamén: comer si, mais hai tamén ofertas e actividades a maiores


 

Este domingo (día 17), por exemplo, hai o 'Cocido miúdo', un festival musical en formato familiar.Será no Campo da Feira e contará coas actuacións de Pakolas, María Fumaca e Trotaventos. Terá un espazo de xogos. A Carreira do Cocido, pola mañá, chega este ano á súa décima edición. E máis ofertas da xornada: obradoiros ou o Motococido. E para abrir apetito, o sábado 23 terá lugar o certame de cantos de taberna.


 

Este sábado a Praza de Abastos de Compostela poñía o ramo ao percorrido promocional posto en marcha polo Concello de Lalín por 6 das principais e máis coñecidas prazas de abastos do país (Pontevedra, Vilagarcía, Vigo, A Coruña, Lugo e Santiago), para promocionar a Feira. O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, acompañado do concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, aproveitaron para convidar a compostelás e galegos a visitar Lalín o vindeiro 24 de Febreiro no día grande da Feira do Cocido. A música de Xabier Díaz e Adulfeiras de Salitre vai poñer o ramo musical a esa xornada.

 

Ademais de servir para atraer visitantes a Lalín e á Feira do Cocido, esta iniciativa tamén serviu para poñer en valor o papel fundamental que xogan os mercados de abastos como exemplo de comercio de proximidade e de produto de calidade e para dar a coñecer as excelentes materias primas de Lalín.

 

O alcalde declarou que "o que di a experiencia é que se hai bo tempo haberá ao redor das 60.000 persoas e se chove, 40.000". "Estamos moi agradecidos pola asistencia masiva", concluíu.