UNHA ESCOLMA DO PAPEL

"Feijóo sabía, como mínimo, que estaba no barco dun delincuente"

Manuel Fernández Padín. Testemuña protexida da Operación Nécora

Manuel Fernández Padín traballou para o clan dos Charlíns até que soubo que andaban á coca. Cando quixo deixalo, un bo amigo 'vendeuno' á garda civil e prendérono no barbeiro. A cambio dunha rebaixa na condena aceptou ser confidente. Porén, o Estado non se portou tal como el esperaba.

"O primeiro empezando pola dereita, o alto das pernas longas e os pantalóns máis curtos". Manuel Fernández Padín descríbese a si propio na fotografía da xeración perdida de Vilanova de Arousa que o voceiro do grupo parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, levou ao Parlamento o mesmo día en que o presidende da Xunta explicaba a súa presenza na embarcación do narcotraficante Marcial Dorado. Manuel Fernández Padín, un dos fundadores desa equipa de futbito e un dos poucos xogadores que sobreviviu ás drogas, agora testemuña protexida da Operación Nécora, agradece o xesto do nacionalista: "cumpría que alguén lle dixese a Feijóo que namentres el paseaba no iate de quen vendía droga, esa droga xa daquela mataba xente". Con voz moi pausada, conta a súa propia historia.

-Como entrou traballar para os narcos?

-Tiña 24 anos. Son parte desa xeración á que lle din perdida. Da época da transición, eramos xente moi activa, con ansias de liberdade, de rachar cos moldes. O problema veu cando chegaron as drogas. Eu sempre fun observador. Tiña medo. Unha noite nunha discoteca tomei tres doses de LSD con bastante alcol e o resultado foi unha psicose maníaco-depresiva. Arruinoume a vida. Refuxieime no faiado da casa dos meus pais, seguindo o tratamento. Era un vexetal. Só pensaba en ir á vía do tren e cortar a cabeza porque era a parte do meu corpo que máis me molestaba. E a que máis me molesta.

A medida que me fun recuperando algo convencinme de que entre as medicinas e un traballo podería levar unha vida normal. Un día Manoliño Charlín [fillo de Charlín Gama] viume apañando ameixas. Era moi amigo meu. Pedinlle traballo no legal, mais díxome que non había nada. A súa familia tiña fama de andar no contrabando. Porén, a min quixeran mallarme os homes que traballaban para [Marcial] Dorado por facer pintadas en contra do contrabando. Ao final déronme traballo. Melchor [Charlín] díxome un día que vestise roupa escura e que viñan por min á unha da madrugada. Non se poden facer preguntas. Recolleume nun porsche branco que tiña e tirou cara a Baiona. Metémonos nun chalé en construción, baixamos ao acantilado e agardamos a que chegara unha lancha. Sete mil quilos de hachis. Eu pensei que iamos ao tabaco.

-E canto tardou en descarregar coca?

-Uns meses. A min xa me morreran todos os amigos por culpa das drogas mais cumpríanme os cartos e pensei que hachís podía consentir. Sabendo que era un delito, claro. No verán chamáronme para outro traballo. Agora xa sabía ao que ía.

Chegamos a Muxía e fomos descarregar de madrugada. A operación frustrouse non sei se dúas ou tres veces porque a lancha non dera atopado o barco. Vin que baixaban bidóns de plástico. Pensei que serían xoias. Ou café. Cando os abriron sacaban paquetes de a quilo. Era cocaína. Neses anos (1989) ninguén sabía que estaba a entrar coca de América. Non había redadas. Non saía na imprensa. Foron 600 quilos.

-E quixo deixalo.

-Quixen. Os meus amigos morreran pola droga e a min fodérame a vida. Contactei cun moi amigo meu que traballaba en Érguete e tiña contactos na imprensa. Conseguiume unha entrevista na TVG. Sabía que era case un suicidio, mais quería denunciar o que pasaba e se o facía perante a policía xa quedaba alí preso. Sería gravado e colocarían só a miña silueta. Para non levantar a lebre non o deixei. Fixen outra entrega. Porén, o meu bo amigo resultou ser un chivato da garda civil. Prendéronme no barbeiro, namentres cortaba o pelo.

"Desde a miña cela no illamento vía os narcos que denunciara alí, no patio, ao sol e untando crema"

-Nun primeiro momento non quixo colaborar. Por que mudou de opinión?

-Non quería declarar porque non tiñan nada contra min. Trouxeron unha fiscal negociar comigo e buscáronme unha avogada de oficio que dixo que ou colaboraba ou non me defendía. Ameazáronme. Dicían que tiñan probas contra min porque os cans uliscaran a coca no maleteiro do coche. Levábaa no motor. No maleteiro o único que había era unha caixa de chourizos. Non tiñan nada. Mais os narcos abandonáronme. Riron de min e da miña familia. Quixeron inculpar a miña nai. Decidín dar continuidade ao que iniciara indo á televisión. A Nécora baseouse na nosa declaración [refírese a si propio e a Ricardo Portabales, tamén 'arrepentido']. As FCSE, como lles chaman, non conseguiron achegar proba ningunha.

-Di que os Charlíns o abandonaron e riron de vostede e da súa familia. Fixéronlle o mesmo que despois lle faría o Estado?

-Exactamente. Ou non. O do Estado foi aínda peor. Os narcos son narcos.

-Como eran as relacións que tiñan con responsábeis polític@s?

-Ver non vin nunca nada máis aló das festas do contrabando en que entraba desde Fraga até os representantes das deputacións. As fotos de Feijóo non son unha casualidade. Hai cero posibilidades de que non soubese quen era Dorado. Sabía, como mínimo, que era un contrabandista e con iso é suficiente. Non me vou atrever a dicir que sabía que era un narco, mais si que estaba na lancha dun delincuente. A Dorado non se lle achegaba calquera. Só quen pode, quen el quere. Nas imaxes están sós, son moi íntimas como para que diga que non eran amigos.

-Unha vez preso, foi testemuña protexida durante 20 anos.

-Si, mais protexer non me protexeu ninguén. Garzón e o fiscal Zaragoza quixeron que acusase persoas as que non coñecía ou nunca vira cometer delito ningún. A Manoliño Charlín nunca o vin en ningunha descarga. "Era o cerebro", repetíanme. Non quixen sinalalo. Extorsionáronme e podo probalo. Metéronme na mesma prisión que as persoas que denunciara. Había moita xente agradecida con eles disposta a me eliminar a cambio dunha cervexa. Refuxiámonos nunha cela de illamento, con xente de ETA. Non podiamos nin sentar na cama.

Este foi o trato que o Estado deu aos dous cidadáns galegos que lle puxeron en bandexa os narcos máis buscados naquela época. Desde a nosa cela viámolos a eles alí, no patio, tomando o sol. Aos oito meses excarceráronme e fun vivir a Burgos, pola miña conta. A policía veu buscarme coa promesa de que se facía cargo para sempre de min en Madrid. "Non che vai faltar de nada".

-Cumpriron?

-Non. Até o xuízo vivín nun cuartel dos anti- disturbios. Agora sobrevivo cunha pensión non contributiva de 420€. Os narcos xa están na rúa. Portabales e eu seguimos no exilio, ameazados de por vida. Silenciados e pasando fame namentres o PP legaliza casas en primeira liña de praia que non son de zapateiros nin de albaneis, senón de narcos.

 

Esta entrevista apareceu no Sermos43, publicado a 19 de abril de 2013