MULLERES

Feijóo quere impulsar a natalidade cun plan que non fala nin da reincorporación ao traballo nin de dereitos sociais

O Consello da Xunta aprobou a folla de ruta dun Plan para formentar o crecemento demográfico que non fala da reinserción laboral das mulleres despois do permiso por maternidade, pese a que os incentivos para estes contratos desapareceron coa última reforma laboral. Prométense máis prazas nas escolas públicas, pese a que 5 delas xa foron entregadas ao capital privado. As esperas en Xinecoloxía poden demorar até dous anos

Aínda non pasou un mes desde que a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial --dependente da Consellería de Economía-- entregou as últimas cartas de despedimento, unha delas a unha muller embarazada de cinco meses, e o Goberno galego vén de anunciar a súa intención de remitirlle ao Parlamento o seu plan para fomentar o crecemento demográfico que pasa, precisamente, por incentivar a natalidade.

Nada se di sobre a inserción laboral das mulleres, pese a que a última reforma laboral elimina os incentivos existentes desde o 2006 para os contratos por reincorporación despois do permiso por maternidade. Nada se di tampouco sobre os recortes practicados nos dereitos sociais que asisten ás mulleres, a pesares de que a revisión xinecolóxica postparto é agora prestada por profesionais de Atención Primaria, non por especialistas, e de que as citas en Xinecoloxía están a atrasarse, nalgún casos, até dous anos.

Alén disto, a educación infantil de 0 a 3 anos foi eliminada do financiamento da Xunta; as mulleres solteiras ou maiores de 40 anos non poden optar á maternidade asistida na sanidade pública; e nesta quinta feira, desde Madrid, a secretaria xeral de Sanidade --e ex conselleira na Galiza-- Pilar Farjas anunciou que terán que pagar por exercer o dereito ao aborto todas as mulleres cuxo caso non se acolla a un dos tres supostos que contemplaba a lei de 1985: violación, malformación do feto ou grave risco para a saúde da nai.

Pese a todo o anterior, o titular do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, manifestou a preocupación da súa equipa de goberno polo "inverno demográfico" que enfronta o país dunha maneira "máis aguda cada década". E pensando en combater esta situación deseñaron un Plan de dinamización da natalidade que recibiu luz verde no Consello da Xunta e que será remitido á Camara autonómica na procura, en palabras do presidente, "dun pacto polo rexuvenecemento de Galiza".

Voltando ao comezo desta información, a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial despediu cinco persoas, entre elas a muller embarazada, só un día despois de que a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, anunciase no Parlamento galego que, "para protexer o dereito á maternidade", os e as non-nacidas computarán coma unha filla máis cando a nai solicite unha axuda á vivenda, unha medida proposta pola Red Madre.