E Feijóo non ve 'Luar'. 'O Noso Presidente' pasa polo 'Land Rober' da TVG

TVG

A presenza, tres días após gañar as eleccións, do presidente en funcións da Xunta no programa da TVG rexistrou un 27% de share e foi TT nas redes sociais. Foi alabado por Julio Iglesias, aturou brincadeiras sobre narcos e recoñece que non ve 'Luar'. 

Núñez Feijóo participou en 'Land Rober', o 'late night' autóctono que conduce Roberto Vilar e emite a TVG na noite das cuartas feiras. Algo que nunca se deu na canle galega, a presenza dun político nun programa, por dicilo así, de entretemento. Unha imaxe que, desde hai uns anos, si que é máis habitual no resto do Estado, onde os políticos de todos os partidos devecen por saír en 'El Hormiguero' ou no programa de Ana Rosa. 'Land Rober' tivo un 27% do share e foi TT nas redes sociais. Ou sexa, un exitazo mediático para un programa que xa xerara moita espectación nos días anteriores.

Feijóo, que entrou no plató entre uns aplausos e ovacións que nin unha estrela de rock, comezou falando precisamente diso, de rock. Recoñeceu ser máis fan de Supertramp e da Creedence Clearwater Revival que de Pimpinela. Desvelou como coñeceu a súa compañeira, “nunha viaxe en avión”, e falou da súa época de universitario, estudando dereito con José Blanco, ex-ministro e eurodeputado do PSOE. Comezou algo nervioso e, por momentos, fóra de sitio. Como un birrete nun lugar de boinas.

Un dato clarificador foi que o presidente non recoñeceu Luís Zahera nin sabía quen era. O actor que fixo parte de series emblemática da TVG, Mareas Vivas ou Matalobos, e que ten protagonizado un bo feixe de filmes (algúns tan premiados como Celda 211) é un total descoñecido para o presidente dos galegos. Un Feijóo que tampouco sabía quen era Tony Lomba, mais neste pecado xa levou a penitencia ao aturar estoicamente a canción que para el interpretou, con algún que outro dardo, o vigués.

Non ve 'Luar'

O presidente en funcións posicionouse claramente na trincheira dos 'birretes' ao asegurar que non vía 'Luar', o programa decano da TVG. Aproveitouno Zahera para espetarlle “en Galiza é ver 'Luar' e votar o PP, é a cousa así”.

Outro momento foi a entrada telefónica de Julio Iglesias desde Punta Cana. O cantante desfíxose en eloxios a Feijóo a quen chamou “campeón de España” e parabenizou reiteradamente polo triunfo electoral. A conversa tivo premio e Julio Iglesias comprometeuse a acudir ao 'late night' da TVG.

Feijóo é do PP?

Nun dos gags da noite sentaron o presidente en funcións nunha mesa electoral, como se fose un vogal da mesma. Unha monxa ficticia que acudía a votar queixábase de que houbese papeletas do BNG, En Marea, PSOE e Feijóo mais non do PP, unha referenza á ocultación das siglas populares na campaña do presidente en funcións. Feijóo saíu do paso cunha anécdota: un compañeiro comentoulle que nun reparto de propaganda electoral unha muller, ante a foto de Feijóo, díxolle que esa persoa lle caía ben mais que ela ía votar polo PP

Narcos

Outro dos momentos da noite foi cando lle preguntaron a Feijóo que series lle gustaban. “A á oeste da Casa Branca”, respondeu o mandatario. Rápido no retruque, Roberto Vilar respondeulle: “Pensei que me ía dicir 'Narcos', entón xa me ía tirar polo chan”. A sombra de Marcial Dorado é alongada, si, mais non se concretou no programa.

Non faltou o 'momento foto', un Feijóo sentado na cadeira de 'Xogo de Tronos', unha imaxe que axiña percorreu as redes sociais, onde algún lle lembraban o breve reino na serie de quen senta aí. A serie preferida de Iglesias, por certo, non de Julio senón de Pablo.

“Agardamos máis políticos”

Finalizado o programa, Roberto Vilar escribiu no seu twitter: “Agardamos que moitos máis políticos veñan aquí pintar a mona con nós”. Veremos Villares, Leiceaga e Pontón pasar por ese plató?