Feijóo mantén as persoas imputadas polo caso da hepatite C nos seus cargos

O presidente da Xunta coida "o mecanismo máis sinxelo" destituír a Félix Rubial e Carolina González e apela á comparecencia parlamanetar do conselleiro de Sanidade. 

Feijóo tentou fuxir do conflito político xerado ao fío da denuncia presentada pola Fiscalía pola morte de seis doentes de hepatite C mais finalmente terá que responder ás preguntas das forzas da oposición no vindeiro pleno. BNG, AGE e PSdeG preguntarán ao mandatario galego sobre o caso e exixiranlle explicacións após pedírenlle a destitución das dúas persoas imputadas, Félix Rubial, actual xerente da EOXI de Vigo e Carolina González que aínda manteñen os seus postos no Sergas. 

BNG, AGE e PSdeG preguntarán a Fejóo polo caso en sesión plenaria

Porén, o presidente da Xunta rexeitou adoptar o que tildou como "o mecanismo máis sinxelo" a respeito do proceder do daquela director de Asistencia Médica e a subdirectora xeral de Farmacia. 

"Non me parece en ningún caso acaído" que "após o traballo que se fixo" haxa que "despachar" a estas persoas "por únha dúbida", sinalou o mandatario galego. "Polas informacións que temos, máis de 1.130 pacientes, con esa comisión, obtiveron o tratamento, e semella ser que arredor de 10-13 pacientes se lles denegou por criterios clínicos", apuntou. 

Feijóo defende a xestión do Sergas embora a Fiscalía ver "indicios suficientes" dun presunto "homicidio por imprudencia"

Feijóo insiste, como xa fixo o propio día da publicación do escrito da Fiscalía, en que a Xunta actuou correctamente. "Temos todo o interese por seguir mantendo o bon nome do Sergas e o bon nome da prestación sanitaria que estamos a dar, que é unha das mellores prestacións sanitarias de Europa", dixo, polo que apelou á comparecencia parlamentar do actual conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, embora non exercer esa responsabilidade cando aconteceron os feitos, unha das razóns pola que as forzas da oposición coidan insuficiente a presenza de Vázquez Almuíña no Parlamento. 

"Se hai dúbidas vai acreditarse que esas dúbidas disiparanse através de dados e informacións puntuais que se van dar a todos os que a requiran" quer "por parte do xuíz" quer "polo ámbito parlamentar", concluíu.