A Fegamp propón instrucións aos concellos galegos ante o estado de alarma

A Fegamp reforzará a comunicación cos concellos [Imaxe: Fegamp].

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) vén de facer público un documento no que recolle “Instrucións aos concellos galegos” para paliar os posíbeis danos colaterais nestas entidades provocados polo actual estado de alarma.

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), presidida por Alberto Varela Paz, en vista da actual situación de estado de alarma que impera desde esta mesma madrugada no Estado español, vén de recoller nun documento que partillou publicamente un conxunto de “instrucións” para os concellos galegos co gallo de facilitar determinados trámites e/ou competencias dos concellos. Así pois, desde Fegamp lembran que, co estado de alarma, as Administracións Públicas están obrigadas a facilitar medidas que favorezan o traballo desde as súas casas ás empregadas públicas na medida do posíbel, e sempre que sexa viábel a prestación dos servizos públicos por medios non presenciais.

as Administracións Públicas están obrigadas a facilitar medidas que favorezan o traballo desde as súas casas ás empregadas públicas na medida do posíbel, e sempre que sexa viábel a prestación dos servizos públicos

A primeira das medidas pase por crear unha Comisión Municipal de seguimento da evolución do COVID-19 que poderá estar formada polos seguintes representantes locais: a alcaldía, compoñentes da corporacións (concelleiras e concelleiros), a xefatura da policía local, a persoa responsábel dos Servizos de Emerxencia e Protección Civil maila xefatura dos Servizos Administrativos Municipais.

O segundo dos puntos recolle que a comunicación co Concello debe realizarse de forma telemática a través da sede electrónica municipal ou vía telefónica a través dos teléfonos da Casa do Concello, Policía Local, Emerxencias e / ou Servizos Sociais.

O punto terceiro fai fincapé en que, en caso da non existencia de medios telemáticos e para aqueles supostos de urxencia, o Concello deberá atender de forma presencial, previa petición de cita telefónica, en horario de 9 a 14 horas.

O cuarto dos puntos indica que os servizos administrativos municipais funcionarán con porta pechada de 9 a 14 horas, dun modo moi reducido, equivalente a uns servizos mínimos, que serán fixados por cada Concello en función da poboación e características do mesmo, e que a modo de exemplo, recoméndanse sexan atendidos por unha persoa cada un dos seguintes Servizos: Conserxaría Municipal, Estatística (Padrón Municipal de Habitantes), Rexistro de Entrada Municipal e Portelo Único, Secretaría Xeral, Rexistro de facturas telemático (Intervención), Pago a provedores (Tesouraría), Departamento de Informática, Departamento de Obras e Vías públicas, Departamento de Electricidade mais Cemiterios. Ademais do anterior, desde a Fegamp declaran que as e os empregadas municipais que “acudan a prestar estes servizos deberán realizalo en días alternos, polo que se organizarán quendas” polas correspondentes xefaturas de Servizo.

O punto quinto, referido á Policía Local e o Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil, indica que estes entes continuarán coa prestación dos respectivos Servizos de xeito ordinario, que poderán ser reforzados cando a situación o requira.

A sexta das indicacións está relacionada cos Servizos Sociais Municipais. Neste senso e dado o seu carácter asistencial, estes quedarán suxeitos no desenvolvemento do seu traballo aos protocolos estabelecidos polas persoas responsábeis de cada Área, co gallo de facilitar sempre que se poida o teletraballo ás empregadas públicas que presten servizos nestes Departamentos.

A sétima medida fai referencia a todo persoal persoal municipal que non preste servizos dun modo presencial. Este deberá estar dispoñíbel coa finalidade de prestar servizo ou reemprazar aos e ás compañeiras cando fosen requiridos.

A oitava indicación céntrase nas sesións periódicas ou ordinarias dos órganos colexiados municipais (Xunta de Goberno Local, Pleno da Corporación, Comisións Informativas, Xerencia de urbanismo etc). Todas estas ficarán suspendidas, agás a Comisión de Seguimento do COVID-19 ou calquera outra que fose preciso realizar.

a Comisión de seguimento da enfermidade COVID-19 estudará entre outros temas, a colaboración coas autoridades sanitarias, a atención a cidadanía, en especial as persoas máis vulnerábeis

Por último, a novena das medidas recolle que a Comisión de seguimento da enfermidade COVID-19 estudará entre outros temas, a colaboración coas autoridades sanitarias, a atención a cidadanía, en especial as persoas máis vulnerábeis, a suspensión de cobro de taxas, así como todos aqueles aprazamentos e fraccionamentos de taxas, impostos etc., que fose preciso levar a cabo para os sectores económicos afectados pola crise sanitaria ocasionada polo coronavirus. E, así mesmo, tamén se avaliará a necesidade de pechar as praias, áreas recreativas etc.

Así pois, desde a Fegamp propoñen que a adopcións das medidas abarquen desde a próxima segunda feira, 16 de marzo, e se estendan até o domingo 29 de marzo.