A Fegamp demanda máis fondos para prestar os servizos en plena pandemia e a Xunta négallos

Alberto Núñez Feixoo e Alberto Varela Paz, hoxe, após o encontro. (Foto: Fegamp)

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) mantivo esta terza feira unha reunión coa Xunta para exixir que haxa unha transferencia de fondos que permitan afrontar os gastos extra derivados das necesidades de limpeza e seguridade. Mais, polo momento, Feixoo négase a ese acordo financeiro.

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela Paz, trasladou onte ao seu homólogo na Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a petición de que o Executivo galego distribúa máis fondos entre os concellos para que estes poidan afrontar os gastos non previstos derivados das actuacións fronte ao coronavirus. Mais, polo momento o Executivo négase a garantir ese apoio ás entidades locais.

 

A Fegamp pretende manter os servizos á cidadanía en plena pandemia, pero para iso precisa algunhas melloras urxentes. De feito, Varela Paz entregou a Feixoo un documento coas dez prioridades.

 

Entre elas, destaca que o Executivo galego “habilite un Fondo Extraordinario Covid” para dar resposta con autonomía ás necesidades económicas imprevistas nos orzamentos municipais e xurdidas polo virus.

 

A Fegamp, que tamén quere a creación dunha comisión permanente que analice a evolución da pandemia da man da Xunta, volve falar en termos económicos para instar ao Goberno do país a que asuma os servizos e obrigas monetarias que están a sufragar os concellos sen ter competencia.

 

Aluden a espazos e facturas “como poden ser os custos de electricidade, limpeza, conserxería e reparacións e conservación dos centros de Ensinanza Infantil e Primaria, as Unidades Municipais de Asistencia á Drogodependencia (UMADs), conservatorios profesionais de ensinanza media, centros sanitarios e xulgados de paz, entre outros”.

 

Igualmente, Varela Paz demandou ao seu homólogo na Galiza que concrete a reasignacións das transferencias ás entidades locais e que saque adiante unha Lei autonómica para poder participar dos ingresos da nazón.

 

Insistirán nas súas necesidades

 

O escrito inclúe outras cinco propostas. Iso si, na reunión de traballo de hoxe tamén se reiterou que os municipios queren manter “a máxima cooperación que veñen prestando, na que asumiron incluso tarefas que exceden as súas competencias”.

 

Porén, segundo fontes da federación, Feixoo rexeitou a transferencia de fondos para eses gastos extraordinarios.

 

“Os concellos non deixarán de facer ver tanto á Comunidade autónoma coma ao Estado a necesidade imperiosa que temos os concellos de fondos, que cos nosos recursos propios non vamos a poder acometer todas as funcións que se nos están a encomendar, que ante unha situación extraordinaria necesitamos fondos extraordinarios como o resto das administracións”, advertiu o dirixente do organismo.