A FEG rexeita o proxecto mineiro de Touro

A antiga mina de Touro. (Foto: Adega)
Membros da Federación Ecoloxista Galega (FEG) solicitan a cancelación definitiva da concesión da mina. Consideran que a explotación implicaría un perigo para a poboación e tamén para o medio ambiente.

A Federación Ecoloxista Galega (FEG) vén de solicitar participar como parte no procedemento aberto pola empresa promotora dunha mina de cobre en Touro na Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta da Galiza, que no pasado ten denegado a concesión para a actividade mineira. A FEG xustifica esta decisión “tendo en conta o perigo que suporía para a poboación e o medio ambiente da zona o desenvolvemento deste proxecto, ao amparo da lexislación vixente”.

A entidade ecoloxista denuncia que “a mina de Touro estivo activa durante anos para a extracción de cobre, concretamente entre 1973 e 1988, fechándose logo sen ningún tipo de restauración nin descontaminación e quedando os entullos expostos ao lavado polas augas da escorrenta que arrastraron metais como ferro, cromo, níquel, chumbo ou zinc á parte do cobre. Metais que constitúen un perigo para a saúde e que unha vez solubilizados son incorporados en diversas formas ás augas e aos solos, contaminando regatos e o río Ulla, chegando até a ría de Arousa”.

O colectivo critica que “tras máis de 30 anos de irregularidades, a empresa responsábel, Explotaciones Gallegas S.L, segue sen executar as tarefas de depuración e restauración e sen suprimir as verteduras”.

Ao tempo, lembra que “en anos posteriores ao seu fechamento, acolleu un depósito residuos industriais dos que non se realizou un control rigoroso, como o caso de materiais procedentes das instalacións de Ence, en Pontevedra, mal caracterizados e algúns deles contaminados por mercurio”. 

O proxecto da mina de cobre de Touro afecta a unha extensión de 600 hectáreas, sendo rexeitada por diversas entidades sociais e políticas e no pasado pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

Precisamente, este organismo da Xunta da Galiza denegou en febreiro o proxecto de explotación e o Plan de restauración da mina San Rafael, en Touro. Porén, a empresa promotora do proxecto vén de solicitar unha nova autorización diante da Administración galega.

A FEG advirte da “ameaza que suporía a súa execución” e defende a “cancelación definitiva do proxecto e a elaboración dun verdadeiro plan de restauración e descontaminación da zona por parte dos responsábeis de moitos anos de irregularidades e grave dano ambiental”.

Nun sentido semellante, téñense manifestado nas últimas semanas diversos colectivos, que lembran os riscos para o medio ambiente e a actividade agraria e pesqueira desta iniciativa mineira.