Federico Martinón-Torres, xefe de Pediatría: "O virus respiratorio sincitial é unha chamada a non deixar atrás outras patoloxías"

Federico Martinón-Torres, xefe de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. (Foto: USC).
A pandemia da Covid-19 alterou a estacionalidade do virus respiratorio sincitial (VRS), causante da metade dos casos de pneumonía na infancia e da gran maioría de  bronquiolites. Mais xa está aquí, fóra do seu tempo. Nós Diario conversa ao respecto co xefe de Pediatría do CHUS, Federico Martinón-Torres.

Que é e que importancia ten o virus respiratorio sincitial?

É a causa máis frecuente de dificultade respiratoria nos lactantes e a causa máis frecuente de ingreso. Na maioría dos casos a infección será leve e desenvolverase como un catarro común pero cando baixa das vías superiores ao pulmón, produce esa dificultade que pode requirir hospitalización. 

En cifras, este virus é a segunda causa de mortalidade a nivel global en crianzas de menos dun ano. Explica arredor de 60.000 mortes anuais, das cales a metade acontecen en bebés de menos de seis meses hospitalizados, e explica perto de 80% das infeccións respiratorias de vías baixas en cativada de menos dun ano. Ademais, é o responsábel duns 30 millóns de casos de infeccións de vías respiratorias inferiores anuais en rapazada de menos de cinco anos.

Polo tanto é o causante dunha infección frecuente e grave, especialmente nos lactantes, aínda que non é exclusivo deles. Desde a área de infectoloxía decatámonos, a partir de probas moleculares, de que tamén está presente na poboación adulta coidadora, vulnerábel a este virus. De feito ten unha mortalidade superior á da gripe. E afecta sobre todo ás persoas máis maiores, en especial a quen ten enfermidade pulmonar crónica. Nestes casos achega unha carga de patoloxía significativa cunha morbilidade e mortalidade que non hai que desprezar.

Parece demostrado que a pandemia mudou a estacionalidade do VRS. Desapareceu? 

Está claro que as medidas que tomamos para o control do SARS-CoV-2 tiveron impacto noutras doenzas de transmisión como a gripe ou o virus respiratorio sincitial. De feito, non apareceu cando estaba previsto que o fixese. En climas como o noso chega sobre outubro-novembro e acaba a finais de febreiro-marzo. Este ano non tivemos ningún caso nesas datas pero estámolo a experimentar agora. Non é algo illado e aos pediatras non nos colleu por sorpresa. Sabiamos que non desaparecera, pero o covidcentrismo fai que calquera outra realidade salte a un segundo plano. E estámolo vendo, coa relaxación das medidas están a aparecer os virus estacionais, entre eles o sincitial.

É o que máis preocupa a comunidade pediátrica?

Como aínda non temos vacinas -no meu grupo estamos a traballar no desenvolvemento de vacinas específicas e antivirais, pero aínda non están dispoñíbeis- non podemos intervir doutra maneira que aplicando anticorpos monoclonais, un sistema de prevención que só está indicado, neste momento para un pequeno grupo de crianzas prematuras ou con algunha enfermidade crónica. Esa profilaxe hai que poñela mes a mes, e como non se puido predicir o que ía pasar é difícil indicar agora cando activala. 

O pouco que podiamos facer está en cuestión e puxo de relevo que, en países como España, sen un sistema de vixilancia epidemiolóxica específica para este virus, non puidemos anticiparnos. É unha vella reclamación e é o momento de pólo en marcha. Este virus é importante. Vai producir ingresos e desestabilizacións, ademais de diagnósticos diferenciais e confusión nun contexto en que todo o respiratorio é un problema.

O sistema de atención pediátrica está preparado para dar resposta a un aumento da demanda?

Por suposto. En pediatría temos que estar preparados para manter a calidade e toda a garantía asistencial no peor dos picos posíbeis. Agora, o que está a pasar é o mesmo que acontece no inverno pero no verán. Temos os servizos de urxencias e as camas de hospitalización a tope por este virus, que afecta aos acabados de nacer mais os do ano anterior que entran en contacto co VRS por primeira vez. O pico é mais alto e o sistema pode verse ao límite.

Vostede defende que autoridades deberan angustiarse con cada VRS hospitalizado tanto como con cada caso de Covid-19 nun adulto.

Da mesma forma que se mobilizan todos os recursos para un caso de Covid hospitalizado deberían pórse a disposición dun caso de VRS. Os rapaces son o noso futuro e hai que facer o máximo. A resposta debe ser global e o máis eficaz posíbel para tratar de anticiparnos agora que cambiou a estacionalidade. Cómpre poñer todos os recursos necesarios para manexar os rapaces que ingresan polo VRS. 

Son pacientes cunha estancia media de entre seis e 10 días que evolucionan con dificultade. Para nós é moito mais importante, preocupante e angustioso que a Covid, porque o que temos, sobre todo, son hospitalizados polo virus respiratorio sincitial. 

As patoloxías pediátricas mantéñense a pesar da pandemia. Os nenos e nenas seguen a enfermar e a ter infeccións. Polo tanto, non hai que baixar a garda.

VRS, un inimigo habitual e grave

"O virus respiratorio sincitial é un inimigo habitual" e contaban con el. A súa aparición "asincrónica", recalca Federico Martinón-Torres, ten que servir sobre todo como "chamada de atención a todo o sistema: a Covid é terríbel, pero non pode deixar atrás outras patoloxías,  particularmente todas as que afectan as crianzas".

Por iso, desde o ámbito da pediatría inciden na urxencia dun sistema específico de vixilancia epidemiolóxica, "unha petición coral" que permitirá "anticiparse ao peor escenario posíbel, programar e facer a profilaxe da que dispoñemos" axiña e ben. Mentres, aclara, "nos lactantes é moi importante o lavado de mans antes de contactar con eles e reforzar ese coidado fóra do círculo íntimo da crianza". Hixiene e distancia. "Se tivese un lactante de menos de dous anos preocuparíame máis que collese un VRS que a Covid, porque pode supor unha afectación grave con ingreso e mala evolución".