Federico Martinón-Torres: "O contaxio nas crianzas é máis probábel no eido familiar e de adulto a menor"

Antonio Salas e Federico Martinón, nunha imaxe de arquivo. (Foto RQ)
A pediatría desmente unha maior incidencia da Covid-19 na cativada a raíz da aparición de novas variantes, unha oportunidade que aproveita tamén para confirmar que o seu papel na cadea de transmisión non é tan importante como se considerou no inicio da pandemia e que tampouco son menos susceptíbeis aos contaxios, senón que se defenden mellor do virus.

A aparición de novas variantes do coronavirus estendeu a idea dunha incidencia elevada e descoñecida da Covid-19 entre a poboación menor de idade, nomeadamente entre as crianzas de até 15 anos. Unha crenza que a experiencia pediátrica desmente e que atribúe á sobreabundacia de información sobre a Covid-19.

"Nun contexto de infodemia, a aparición de novas variantes contribuíu a asustar máis a xente, pero o que está a pasar non é algo que non esperásemos", advirte o xefe de Servizo de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago, Federico Martinón-Torres, en  declaracións a Nós Diario.

O máis importante, independentemente de calquera variante, é previr os contaxios

O habitual é que os virus muten. "Está na súa natureza. E para mutar necesitan replicarse, e para replicarse precisan infectar. Por iso o máis importante, independentemente de calquera variante, é previr os contaxios", polo que desde o punto de vista individual, da nosa protección, non cambia nada, recalca Martinón-Torres.

Sobre as vantaxes biolóxicas das novas variantes "aínda hai debate académico", sinala. "De momento non se puido demostrar que sexan máis graves, nin sequera que algunha sexa máis transmisíbel". E apunta outros factores como o papel dos supercontaxiadores e dos eventos de supercontaxio. "Se unha variante xenética está na persoa adecuada no momento adecuado, pode expandirse moi rápido e non ter nada que ver coa súa capacidade biolóxica".

O seu papel na transmisión

A día de hoxe, salienta Federico Martinón-Torres, non hai ningún dato que indique que ningunha variante teña maior predilección polas crianzas. "O feito de que haxa máis casos entre a rapazada explícase porque houbo unha repunta xeral dos contaxios e porque na última temporada os cativos estiveron máis nas súas casas, e nas casas as medidas relaxáronse". E isto, di, atende a un feito constatado: "O contaxio nos rapaces é máis probábel no eido familiar que no escolar e a transmisión, máis probábel de adulto a menor, non ao revés". 

No inicio asumimos que os menores ían ter o papel que xogan na cadea de transmisión noutras infeccións, como a gripe

Ademais, a cativada xa non goza da sobreprotección que se lle dedicou no inicio da pandemia. "Entón asumimos que os menores ían ter o papel que xogan na cadea de transmisión noutras infeccións, como a gripe. Por iso se fecharon os colexios e chegaron a ter menos dereitos que os cans". Foi por exceso de celo. Despois, engade, "aprendemos que o papel dos menores de 10 anos na cadea de transmisión non é tan importante, e confirmamos un comportamento exemplar nas escolas, onde os contaxios teñen máis que ver coa actividade social que cos propios coles".

O risco cero non existe

Neste sentido, o xefe de Servizo de Pediatría do CHUS non pide máis que reforzar as medidas de prevención que xa coñecemos e que "sabemos que funcionan". 

As crianzas resolven a infección de forma precoz e máis eficaz

Mais en caso de contaxio, "a afectación clínica na rapazada é moito máis leve. Son poucos os que precisan atención médica ou ingreso". Con todo, o risco cero non existe. De feito, hai unha síndrome específica: a inflamatoria poscovid que se dá en rapaces maiores, que produce un cadro grave aínda que con boa resposta ao tratamento.

E non se infecten menos. Resolven a infección de forma precoz e máis eficaz. "Probabelmente xa no aparato respiratorio superior, sen sequera sintomatoloxía".