A Xunta quere crear unha Comisión de Calidade do Aire sen garantir a presenza do movemento ecoloxista

O impacto da contaminación do aire na saúde pública no Estado representa un 2,8% do PIB. Foto: Europa Press
A Federación Ecoloxista Galega vén de facer público un comunicado no que denuncia que non está garantida a presenza de representantes dos movementos de defensa ambiental no novo órgano consultivo.

Recentemente someteuse a trámite de audiencia o Proxecto de Decreto polo que se crea a Comisión de Calidade do Aire da Galiza. Esta comisión instituirase como órgano colexiado de asesoramento da Xunta de Galiza e ten como primeiro obxectivo traballar na mellora da calidade do aire. Teoricamente “pretende ser un espazo transversal para promover a participación activa e responsábel da cidadanía na prevención e control da calidade do aire, buscando atopar a complicidade da cidadanía e os axentes sociais que poden contribuír a conseguir unha mellora na calidade do aire e polo tanto na saúde das persoas e na calidade dos ecosistema”

 

A FEG solicita que na Comisión “se garanta a presenza suficiente de representantes do movemento ecoloxista e propón que se nomeen dúas vogalías para membros de grupos de defensa ambiental á marxe dos dous representantes da sociedade civil/organizacións sociais

 

A Federación Ecoloxista Galega (FEG) vén de facer público un comunicado no que afirma ter atopado no Proxecto de Decreto “importantes eivas que farán, se non se corrixen, que esta Comisión se converta, como xa ten ocorrido con outros órganos consultivos da Xunta de Galiza, nun convidado de pedra diante do que a Administración galega comunica as decisións sen realizar ningún tipo de consulta nin buscar ningunha opinión”.

Os ecoloxistas galegos advirten que non está garantida a presenza dos movementos de defensa ambiental nesta Comisión que, se ben reserva un bo número de vogalías para diversos representantes de órganos da administración, so deixa dúas para representantes da sociedade civil, sen precisar de que sector.

A FEG lembra que o movemento ecoloxista “é o primeiro defensor da calidade do aire” e que é a eliminación de importantes focos de contaminación atmosférica, a elaboración dunha normativa que limita as emisións e fixa obxectivos de calidade, e a mellora da calidade do aire en xeral son “consecuencia da actividade persistente durante moitos anos do movemento ecoloxista” e das súas mobilizacións, denuncias, protestas, alegacións e accións diversas.

A FEG solicita que na Comisión “se garanta a presenza suficiente de representantes do movemento ecoloxista e propón que se nomeen dúas vogalías para membros de grupos de defensa ambiental á marxe dos dous representantes da sociedade civil/organizacións sociais que poden estar destinados a persoas representantes de movementos sindicais, veciñais ou doutros sectores da sociedade civil”. Solicita tamén que, para nomear aos representantes, “se realice unha convocatoria a todos os grupos de defensa ambiental do rexistro da Administración a unha reunión centralizada e que se poña a disposición un local axeitado para celebrar a mesma na que se elixirían os dous representantes do movemento ecoloxista que formarán parte do CCAG polos dous anos de duración da súa membresía”.

Por outra banda, a Federación Ecoloxista anuncia que fará achegas ao Proxecto de Decreto “no sentido de mellorar a eficiencia e axilidade da Comisión, propoñendo que a convocatoria das reunións podan ser solicitadas por un vogal sempre que sexa de forma xustificada, o que permitiría a convocatoria diante dun episodio concreto detectado ou diante dunha situación que esixa unha resposta da administración, evitando que se teñan que sumar máis do 50% dos vogais á solicitude”.

Tamén se fai, por parte da FEG, a solicitude de que se dote á Comisión dun orzamento orzamentario axeitado para poder realizar as funcións que lle encomenda o Decreto de creación. No Proxecto exposto a trámite de audiencia indícase que “As actuacións da Comisión de Calidade do Aire non xerarán incremento das consignacións orzamentarias da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda”, sen embargo, recoñece que o impacto da contaminación do aire na saúde pública no Estado representa un 2,8% do PIB e que o 91% da poboación do mundo vive en lugares onde non se respectan as súas Directrices sobre a calidade do aire, o que provoca cada ano 4,2 millóns de defuncións prematuras. “Parece razoábel”, conclúe a FEG, “que, dada a funcionalidade que se propón para este órgano, mereza dun orzamento que permita e garanta o seu funcionamento”.