O feche dos centros de atención á dependencia lastra o rural

Limisi Diversidade funcional atende máis de medio centro de familias na Limia, Allariz e Verín.
Co feche dos centros de día e de ocupación, a comarca da Limia queda sen recursos especializados de atención á dependencia e á diversidade funcional. Profesionais do sector denuncian a supresión do dereito fundamental a participar da vida en comunidade, en igualdade e respectando o principio de inclusión 

A decisión da Xunta de clausurar escolas infantís, centros de día e centros ocupacionais até o 1 de setembro deixa sen alternativas asistenciais a centos de persoas con diversidade funcional e ás súas familias. "Levamos tres meses pechadas e o noso colectivo non pode estar máis tempo na casa", denuncia Patricia Lamas, traballadora de Limisi Diversidade Funcional, asociación sen ánimo de lucro que atende 56 familias das comarcas da Limia, Allariz e Verín.

"Pedimos que non se demore máis o desconfinamento da discapacidade. A atención domiciliaria, cos risco que implica, non é suficiente. As usuarias necesitan volver ás súas terapias individualizadas e as familias, recuperar un apoio fundamental na prestación dos coidados", incide Lamas.

Sen participación comunitaria

Limisi dispón dun centro ocupacional e dun gabinete educativo rehabilitador dirixidos á veciñanza dunha vintena de concellos que non dispoñen de máis servizos, nin públicos nin privados, que cubran as súas necesidades específicas salvo que se despracen perto de 50 quilómetros até a cidade de Ourense.

"O noso centro loita pola inclusión de todos os colectivos, dándolles a oportunidade de ter acceso a profesionais e terapias especializadas sen recorrer grandes distancias, sen importar a súa situación económica e nun contorno rural no que a clausura dos centros de día e dos centros impide a creación de redes comunitarias firmes e en igualdade de condicións", explican desde a asociación.

As traballadores de Limisi censuran que os centros privados leven un mes coas portas abertas mentres desde a Dirección Xeral de Maiores e Discapacidade non acaban de explicar porque atrasan a apertura os centros públicos ou privados sen ánimo de lucro, como é o seu caso, até o primeiro de setembro.

Nalgunhas usuarias, seis meses de paro e espera poden ser anos de retroceso.

Esta espera vai ser moi prexudicial tanto para as usuarias do seu centro como para as súas familia; nais, pais e titoras sobrecargadas polas exixencias do confinamento mais das fillas e fillos "con problemáticas moi serias”. “E temos papás e mamás de máis de 70 anos, coidadoras, que transmiten niveis de angustia moi altos".

Sen Limisi, as persoas dependentes e con diversidade funcional da Limia quedan privadas de vida social. "Isto repercute no emocional, no psicolóxico, nas habilidades da vida diaria. Nalgunhas usuarias, seis meses de paro e espera poden ser anos de retroceso", alerta Patricia Lamas, quen recalca, ademais, que as familias precisan máis este apoio directo por parte das profesionais dos servizos sociais e da atención á dependencia, que as axudas económicas que a Xunta está pendente de confirmarlle ás usuarias, penalizadas polo feche dos centros ocupacionais e os centros de día.