Feche na SXPL

CIG e Mesa piden a fin do 'decretazo' e un novo marco xurídico para o galego no ensino

Unha delegación da CIG-Ensino e A Mesa lograron reunirse con Valentín García após protagonizar un feche na sede da SXPL. Denunciaban a redución do horario lectivo en galego na ESO provocado polo ‘decretazo’ e alargada pola implantación da LOMCE. Obtiveron o compromiso dunha xuntanza co conselleiro de Educación na segunda semana de febreiro.

O conselleiro de Educación recibirá finalmente unha delegación de CIG-Ensino e A Mesa –que levaban meses esperando por unha xuntanza-, e farase unha instrución para adaptar o decreto de plurilingüismo á Lomce. Son dous dos compromisos que esta cuarta feira atinxiron CIG-Ensino e A Mesa pola Normalización Lingüística após protagonizar un feche na sede da Secretaría xeral de Política Lingüística, en Compostela, para denunciar a marxinación do galego no ensino.

Aos poucos de comezar o acto, foron recibidos polo secretario xeral, Valentín García. Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino,  afirma que este “recoñeceu implicitamente que a situación do galego é, efectivamente, unha situación ilegal e irregular, na medida en que, neste intre, a exclusión e marxinación do galego é total, como consecuencia da aplicación da LOMCE”. A SXPL estaría disposta a elaborar unha instrución para adaptar o ‘decretazo’ á Lomce. Algo que non é abondo para as dúas organizacións, que insisten en que o 'decretazo' deu exemplos abondo nestes anos de merecer a derrogación.

Reunión

Ademais, logrouse o compromiso de que serán recibidos polo conselleiro de Educación na segunda semana de febreiro, xuntanza pola que levaban tempo agardando, para exporlle a situación do galego no ensino, solicitando a derrogación do ‘decretazo’ e a elaboración dunha nova norma “que parta de que o idioma vehicular no ensino en Galiza ten que ser o galego”, manifestou Anxo Louzao a Sermos Galiza. Solicita un novo marco xurídico que dea a volta á situación actual.

Nesta liña, Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, reiterou a necesidade de derrogar o decretazo. Lembrou que o feche desta cuarta feira chega meses despois de que A Mesa e CIG denunciasen que o 'cóctel' Lomce máis 'decretazo' rebaixaba o idioma a mínimos. Solicitárase daquela unha xuntanza co conselleiro mais non obtiveran resposta. “Estamos dispostos a continuar coas mobilizacións”, sinalou Maceira, que lembrou que segue activa a campaña ‘En galego, sen límites’, con recollida de sinaturas pola rede.

Marxinación

A “combinación explosiva” de Lomce e decreto de plurilingüismo, tamén coñecido como 'decretazo', sitúan a presenza do galego no ensino secundario por baixo do 15%. Unha situación, denuncian desde CIG-Ensino e A Mesa pola Normalización Lingüística, que “vulnera a legalidade nacional e internacional”.

 

 

As modificacións introducidas na carga lectiva de diferentes materias da ESO, consecuencia da aplicación da LOMCE, supoñen unha “nova e acrecentada” discriminación do galego respecto á contemplada no decreto 79/2010. O alumnado de ESO terá 31 horas en español fronte a 18 en galego, se cursa ensinanzas aplicadas, e 21 se cursa ensinanzas académicas.  “Esta distribución horaria dá como resultado que na ESO o alumnado reciba 13 horas menos de docencia en galego que en español, na modalidade de ensinanzas aplicadas, e 10 menos nas académicas”, como ten denunciado Louzao.

Conselleiro

O conselleiro, de por parte, manifestou nunhas declaracións a Europa Press que o decreto de plurilingüismo é "absolutamente viábel" e garante "un maior coñecemento" do galego.

A fotografía e o vídeo é de Natalia Porca.