Fechan o baño na ferrolá praia da Graña tras detectarse a presenza da bacteria E.coli

A praia da Graña, en Ferrol (foto: Turismo da Galiza).
Segundo as analíticas recentes que efectúa a Xunta da Galiza nos areais do país, os parámetros de bacteria E.coli na praia da Graña son superiores aos recomendados.

Os niveis elevados de bacteria Escherichia coli, comunmente denominada E.coli, na praia da Graña, na ría de Ferrol, obrigaron o concello ferrolán a recomendar temporalmente medidas restritivas co baño.

Segundo as analíticas recentes que efectúa a Xunta da Galiza nos areais do país, os parámetros na citada praia ferrolá son superiores aos recomendados, xa que se atoparon 1300 Número máis Probábel (NMP) en 100 mililitros.

Tal e como marca a lexislación vixente, é obrigatoria a instalación dun cartel no cal se recomende, polo menos, "absterse do baño temporalmente por contaminación".

Coñecidos os resultados das mostras tomadas ao comezo da semana, a Xunta da Galiza xa efectuou unha nova analítica, cuxos resultados serán comunicados nos próximos días, mentres que os técnicos municipais da área de Medio Ambiente traballan na identificación das causas da contaminación.

Carabelas portuguesas

No tocante á elevada presenza de exemplares de carabela portuguesa en varias praias de costa de Ferrol na xornada desta cuarta feira, que obrigou a colocar a bandeira vermella, o servizo de socorrismo iniciouse esta quinta feira sen apenas incidencias.

De feito, só se detectou unha na Fragata, polo que de momento hai bandeira amarela na maioría dos areais.