FOLGA O 10 DE MAIO

Fechad@s contra a suba das taxas

Co ollar posto na xornada de mobilizacións convocada para o 10 de Maio, organizacións estudantís convocan encerros nas bibliotecas públicas galegas para manifestaren o seu rotundo rexeitamento ao incremento nos prezos das matrículas universitarias. Na Xeral o feche será indefinido

Ao redor dun cento de estudantes fecháronse esta segunda feira á noitiña na Biblioteca Xeral de Santiago de Compostela para protestaren de maneira indefinida contra da suba das taxas anunciadas polo Goberno español e contra o Real Decreto-lei 14/2012, que invade competencias galegas. Coa ollada posta nas masivas mobilizacións que están convocadas para o 10 de maio, as organizacións Liga Estudantil, Agir, Iesga e Revoluciona USC uniron folgos para denunciaren os "desmesurados e inxustificábeis" recortes que a dereita está a practicar desde Madrid "co beneplácito da Xunta".

"Pese á oposición dos reitores e a que a Xunta di que non aplicará a suba das taxas, nós vemos o que hai e decidimos protestar con estes encerros", sinala desde a Liga Saleta Chao, quen anuncia unha asemblea de estudantes para esta terza, ao remate das concentracións convocadas en toda Galiza pola Plataforma en Defensa do Ensino Público.  

Rexeitamento dos tres reitores
Así as cousas, ducias de integrantes da Liga Estudantil Galega xa protagonizaron durante a fin de semana un encerro na Biblioteca de Torrecedeira, en Vigo, que se prolongará até o vindeiro 10 de maio, --e estiveron tamén fechad@s na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Compostela-- para manifestaren o seu rexeitamento a un aumento do prezo das matrículas que podería chegar até o 66%, e que topou tamén coa oposición das tres Universidades galegas. Os seus reitores --Luis Armesto (A Coruña), Juan Casares (Compostela) e Salustiano Mato (Vigo)-- transladáronlle á Xunta de maneira conxunta o que viñan dicindo por separado desde que o Executivo de Mariano Rajoy fixo pública a súa intención de colocar o ensino superior no punto de mira do control do déficit.

O incremento das taxas podería supor un gasto de 560€ por matrícula e ano. Segundo os reitores, no caso de non existir un veto total á suba, a petición é de que esta sexa mínima, que non exceda o IPC --Índice de Prezos ao Consumo--. Nesta liña, Salustiano Mato considerou "unha inxustiza social intolerábel" que o novo incremento se pretenda aplicar botando man de prezos medios para cada carreira xa que, deste xeito, "onde hai máis nivel de vida pagarán menos e onde hai menos poder adquisitivo, como é o noso caso, pagarán moitísimo máis".

Pola súa banda, o reitor coruñés, Luis Armesto, considera que "o xusto e razoábel" é que o custo real das carreiras sexa calculado en función do nivel de vida de cada territorio, aínda que, segundo apuntou Casares Long, as negociacións sobre as taxas poderían prolongarse até un mes, xa que a norma terá que pasar aínda polo Congreso d@s Deputad@s.

O estudantado chama á mobilización masiva
No entanto, as que máis teñen que dicir sobre os recortes no Ensino son as e os estudantes. E opóñense, sen excepcións. Na vindeira quinta feira haberá protestas en toda Galiza en que participarán, ademais da Liga, Agir, Iesga e Revoluciona USC, outras organizacións como os Comités ou Galiza Nova. Segundo informan, a suba das taxas suporá un aumento da matrícula até os 1.500 euros en primeira convocatoria.

A partir da cuarta matriculación a/o estudante deberá facerse cargo da totalidade do custo do crédito --máis de 6.000 euros por curso completo--, que suporá na realidade un pagamento do 200%, xa que o baremo empregado contabiliza aspectos orzamentarios que nada teñen que ver coa docencia, como a investigación.

Neste sentido, completado o segundo peche nunha biblioteca universitaria, a Liga chama a todo o estudantado a secundar a folga xeral. Entende a organziación que a mobilización social masiva é "a única solución" en contra dun Goberno central "que entende a democracia coma un cheque en branco cada catro anos". Os recortes pensados en Moncloa non afectan só ao Ensino medio, "precarizando a Educación e abocándoa a unha insalvable mercantilización e elitización", senón que este panorama ten tamén o seu reflexo na Universidade. O Ensino público enfróntase á maior tesoirada da historia.