Fátima Nercellas: "Deixarei de ser médica o día que poida ignorar o sufrimento dun paciente tirado nun corredor"

A doutora Fátima Nercellas é especialmente crítica coa xestión sanitaria na Galiza. (Foto: Arxina)
O pasado xaneiro o Sergas propuxo dezasete días de suspensión para a doutora do CHUS Fátima Nercellas, expedientada por atender dous pacientes nos corredores de Urxencias. A médica conversa con Nós Diario após caducar o expediente, finalmente sen sanción en firme, a comezos deste mes.

—O seu expediente recollía dúas faltas graves por "desobediencia" e "incumprimento de funcións", mais finalmente non foi sancionada. Que lle supuxo esta noticia?
Foron uns meses moi duros e agora, nese sentido, estou máis tranquila.

—Entenderon que non había lugar a sanción por eses feitos.
Caducoulles o expediente. Non sei se a súa idea era deixalo pasar, porque sancionarme por ver dous pacientes nos corredores era algo aberrante, ou se se lles pasou, como se lles pasan moitas cousas... A cuestión é que caducou e que terían que abrir un novo para sancionarme.

—Recibiu algunha comunicación por parte da xerencia da área sanitaria ou do Sergas?
Quen mo ten que comunicar é a secretaría técnica da Consellaría de Sanidade, e non me enviaron ningunha resolución. Silencio total, como fan moitas veces.

[Os xestores da sanidade] son inútiles no sentido de non útiles, nin para os traballadores nin para os pacientes

—E á marxe das canles oficiais, alguén se puxo en contacto con vostede para comunicarllo?
Ninguén. Iso vén a dicir o que son esas persoas como profesionais, inútiles no sentido de non útiles, nin para os traballadores nin para os pacientes. Para eles facer dano parece ir implícito na súa función e a min, desde logo, fixéronmo con todo isto. Mais recuperareime, todos os males sexan eses. É cuestión de facer máis control mental e saír adiante, que a vida segue.

—Segue a atender pacientes nos corredores de Urxencias?
Salvo que eu non poida fisicamente porque xa estea atendendo outra persoa, os meus pacientes non quedan nunca no corredor. Poden abrirme moitos máis expedientes porque deixarei de ser médica o día que poida ignorar o sufrimento dun paciente tirado nun corredor. Cada médico vai solucionando como pode: algúns non saen ao corredor, sobre todo desde o meu expediente, e outros fan o mesmo ca min, ir buscando sitio.

—Cre que a súa proposta de sanción puido sementar o medo?
A xente vai con medo. Atender os pacientes vai implícito na nosa función, pero se ir a ese corredor e sacar de aí un paciente que ves mal supón un expediente, evidentemente non saes ao corredor. Se non ves a situación, non existe o problema. Hai quen non vai e quen si e fai o que pode. Temos varios informes da Fiscalía que deixan claro que non é responsabilidade do médico que un paciente faleza nun corredor; está claro quen é o neglixente aí, os políticos xestores da sanidade, tanto do hospital como da Consellaría, que sabe da situación que hai aquí, na atención primaria, en medicina interna... 

—Cando o seu caso chegou ao Parlamento o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, falou de "alarmismo" en relación ás denuncias de saturación do servizo de Urxencias.
Non sei se é que se fechan ben os ollos e non ben o problema acábano crendo, ou que realmente non teñen a intelixencia suficiente para solucionar estes problemas e por iso o negan en público. Ao mellor até o cren, iso é o máis triste.

—Este foi o terceiro expediente que lle abriron, segue pensando que foi unha represalia?
Todo isto é pola miña actividade sindical. Os outros puntos que levaba o expediente, as miñas declaracións en relación ao último paciente falecido no corredor, ían nesta liña de silenciar o que pasa. Hoxe sigo no sindicato e se ocorren máis desenlaces fatais volvereinos levar á Fiscalía, iso téñoo claro.

—Como valora as mostras de apoio recibidas neste tempo?
O apoio da xente foi a única parte positiva desta aberrante situación, o que máis me consolou.

"A xente non quere contratos de 15 días"

A Xunta da Galiza segue a reclamar ao Goberno estatal a convocatoria de novas prazas MIR para paliar o déficit existente no Sergas. Porén, a doutora Nercellas replica: "Faime graza cando o conselleiro pide máis prazas... E que están facendo con todos os residentes que marcharon despois de formarse aquí? Como van atopar médicos nas listas de contratación se decidiron marchar?".

A médica do CHUS sinala as condicións laborais como causa desta 'fuxida' de profesionais: "Se vas traballar a Illa de Francia —rexión da capital, París— cobras 10.000 euros mensuais e tes contratos longos, non de quince días, como aquí. E só precisas dominar o idioma e colexiarte alí. Se agora ofrecesen prazas estábeis seguro que eses médicos volvían", sostén. A fin de contas, di, "a xente búscase a vida e faino onde atopa boas condicións". "Son os feitos e aí están, á vista de todos", conclúe.