Un fármaco antiviral reduce os síntomas da varíola do mono, que segue a expandirse no mundo

A OMS insta a illar e rastrexar os contactos estreitos dos casos positivos de varíola do mono para deter a transmisión. (Foto: Berkay)
Pacientes que probaron tecovirimat nun estudo de científicos ingleses presentaron un cadro sintomático leve e de curta duración. Os investigadores subliñan a importancia de que os países estean coordinados para facer fronte con respostas rápidas a "gromos esporádicos" de varíola do mono.

Un novo estudo retrospectivo sobre sete pacientes diagnosticados con varíola do mono no Reino Unido entre 2018 e 2021 suxire que algúns medicamentos antivirais poderían ter o potencial de acurtar os síntomas e reducir a cantidade de tempo que un paciente é contaxioso.

Os casos analizados no estudo, publicado na revista The Lancet Infectious Diseases, representan os primeiros casos de transmisión intrahospitalaria e transmisión doméstica fóra de África, alén de informar sobre a resposta dos pacientes ao uso de dous medicamentos antivirais diferentes —brincidofovir e tecovirimat— para tratar a enfermidade.

Os efectos do tecovirimat

O estudo atopou poucas probas de que o brincidofovir fose beneficioso desde o punto de vista clínico, pero concluíu que estaría xustificado seguir investigando o potencial do tecovirimat. Os autores tamén informan da detección do virus da varíola do mono en mostras de sangue e gorxa.

Un dos pacientes tratados con tecovirimat experimentou unha duración máis curta dos síntomas e da excreción viral do tracto respiratorio superior. Con todo, os autores sinalan que non se poden extraer conclusións sobre a eficacia dos antivirais contra a varíola do mono nunha cohorte tan pequena, e piden que se sigan investigando os antivirais para tratar esta enfermidade tropical desatendida.

Todos os pacientes experimentaron unha enfermidade leve e foron tratados nunha contorna hospitalaria por motivos de control da infección e non debido á gravidade da mesma. Ningún paciente experimentou as complicacións graves comunmente recoñecidas desta varíola, como a pneumonía ou a sepse.

Porén, un paciente experimentou unha recaída leve seis semanas despois da alta hospitalaria, e outro desenvolveu un absceso tisular profundo que requiriu drenaxe.

Control da enfermidade

Dado que aínda non se estabeleceron as estratexias óptimas de control e tratamento da infección, os datos do estudo poderían contribuír aos esforzos mundiais por comprender mellor as características clínicas da enfermidade, así como a dinámica de transmisión.

"Mentres as autoridades de saúde pública tentan comprender a causa dos gromos de maio de 2022 en Europa e América do Norte [que afectaron varios pacientes que non informaron de ningunha viaxe nin identificaron un vencello cun caso coñecido anteriormente], o noso estudo ofrece algunhas das primeiras ideas sobre o uso de antivirais para o tratamento da varíola do mono en humanos", destaca o doutor Hugh Adler, do Liverpool University Hospital NHS Foundation Trust, autor principal do traballo.

Pola súa parte, o doutor Nick Price, do Guy's & St Thomas' NHS Foundation Trust, subliña que os casos notificados no estudo, "alén dos gromos recentes, poñen de manifesto a importancia de manter unha rede de colaboración de centros en estado de alerta para xestionar gromos esporádicos de patóxenos de alta consecuencia, como a varíola do mono".

Os casos seguen en aumento

Os surtos fóra de África son inusuais, pero nos últimos días notificáronse algúns significativos en varios países europeos, incluído o Reino Unido, que fica á cabeza con máis de 50, seguido do Estado español e Portugal, que roldan os 40.

Dos sete casos de varíola do mono no Reino Unido analizados neste estudo, catro foron importados de África Occidental, e outros tres producíronse debido á transmisión de persoa a persoa dentro dos grupos de casos.