As farmacias dispensarán tests de balde para crianzas de entre 5 e 11 anos a partir da semana que vén

Test de antíxenos (Foto: Rober Solsona / Europa Press).
Sanidade comezará a chamar para se vacinar as crianzas de entre 11 e 9 anos os días 15, 16 e 17 e ampliará o certificado Covid a cinemas e eventos multitudinarios.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, avanzou que a partir da próxima semana habilitaranse nas farmacias galegas un test de antíxenos gratuíto a todas nais e pais con nenos de entre 5 e 11 anos. No caso de resultar positivo, o Sergas fará unha PCR de contraste a estes menores.

Así o avanzou esta sexta feira durante a sesión de control do Parlamento da Galiza, na que adiantou que os próximos días 15, 16 e 17 de decembro o Sergas empezará a citar nenos e nenas de 11, 10 e 9 anos.

Vacinación e certificado

En relación á vacinación, sinalou que o Goberno galego tamén está en condicións de poder adiantar ao próximo día 13 de decembro a finalización da vacinación da terceira dose aos galegos de entre 60 e 69, en lugar do día 19, a data inicialmente prevista.

En resposta a unha pregunta formulada polo portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, sobre as medidas postas en marcha polo Goberno galego para facer fronte á sexta onda da Covid, Feixoo explicou que outra das medidas será ampliar a petición do certificado Covid aos cinemas e aos eventos multitudinarios. Para iso, pedirá autorización ao Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

O xefe do Executivo galego, así mesmo, avanzou a diminución do número de comensais por mesa, cuxa cifra se concretará de acordo aos protocolos que fixen os expertos sanitarios do comité clínico.

Faltan vacinas para todos

No pleno, Gonzalo Caballero preguntoulle ao presidente polas iniciativas postas en marcha polo Goberno galego para chegar aos galegos non vacinados nun contexto no que, segundo dixo, hai "160.000 galegos" aínda "sen vacinar" pero o sistema "só detectou a 21.000".

A respecto diso, Feixoo dixo que a forma de aumentar esta cifra é a través da esixencia do certificado Covid. "Se o esiximos a xente vacínase máis", sinalou.

Ademais, nun contexto de alza dos contaxios entre as crianzas, Feixoo sostivo que o "problema" nos colexios radica "en que non chegan as vacinas até o día 13". "Non temos vacinas para todos, ese é o problema realmente", censurou.

"Se tivésemos vacinas para todos os menores, empezariamos despois de Reis con todos os nenos e nenas vacinadas", manifestou.

Doses de reforzo

Na súa intervención, Feixoo destacou que a Galiza volve liderar " a vacinación en España". "Somos a primeira comunidade autónoma vacinada con dobre dose á súa xente, 93,7%; España non chega a 90%", sinalou para apuntar tamén que a galega é o territorio con máis doses de reforzo.

Así, dixo que 70% dos maiores de 70 anos xa están vacinados, o que supón "16 puntos máis que a media de España". "No caso de vacinados con  Janssen, na Galiza hai 78% coa dobre dose, 39 puntos máis que a media de España", indicou.