Din que haberá que agardar até final de ano para facer balance dos efectos psicolóxicos

As farmacias avisan da falta de control en doentes con enfermidades crónicas

Unha farmacéutica ensina os distintos tipos de máscaras (Foto: Europa Press)
As farmacéuticas da Galiza advirten de que a falta de exames de control a persoas con tensión alta, diabetes ou colesterol, entre outras doenzas crónicas, nestes tempos de pandemia pode acabar afectando máis ao sistema sanitario e as e os propios afectados. Porén, destacan que a xente si mantivo os seus tratamentos grazas á axuda das redes veciñais e á axuda dos concellos

Un dos efectos máis esquecidos da pandemia é a falta de control en doentes con patoloxías crónicas. Aínda é agora cando as farmacias comezan a facer controis de saúde relacionados con estes problemas, mais foron moitos meses sen atención.  "Ao principio vendéronse moitos tensiómetros pero non puidemos ensinar a usalos correctamente e a corentena prexudicou a pacientes como os hipertensos, que non tiveron control" explica a vogal do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña, Nina Villasuso.

A idea dos profesionais é dar prioridade ás probas de afeccións como a diabetes ou o colesterol neste verán na medida en que se poida porque aínda non é posíbel conseguir cita para centros de Atención Primaria se non se trata de problemas máis graves. 

"Os centros de saúde non están medindo estas cousas e hai un estudo da Sociedade Española de Farmacia que fala de que se deixou de facer exercicio e se gañou peso, empeorando as patoloxías", insiste a representante.

O presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense, Santiago Leyes Vence, destaca que estiveron "ao pé do canón combatendo o virus" malia a escaseza de material de protección, sobre todo nas primeiras semanas do fechamento nas casas. 

"É certo que recomendamos pospor o recoñecemento de certos parámetros de control de saúde de pacientes cando non eran estritamente necesarios para evitar situacións de risco innecesarias para os nosos profesionais" puntualiza.

A realidade é, como apuntan as persoas expertas consultadas, que cando a xente retome a normalidade poderá atoparse con valores moito más descontrolados que de forma habitual e precisar do médico. 

O que tranquiliza aos profesionais da oficina de farmacia é que a xente si estivo atenta a dar continuidade os seus tratamentos con medicinas malia a recomendación de ficar na casa. Villasuso comenta que "ao empezar o estado de alarma as primeiras veces a clientela veu aprovisionarse e logo achegábanse familiares de persoas maiores ou asistentes sociais a coller as receitas".

Na primeira liña

"Provincias como Valencia alertaron dunha histórica caída da dispensa de receitas", subliña Leyes cando se lle pregunta se o coronavirus provocou o abandono de pautas na Galiza. A este respecto, di non ter datos contrastados pero se nos estudos posteriores detectan esta eiva no sistema "comprería instar as Administracións sanitarias a articular mecanismos  que permitan evitar novas caídas en caso de que se produzan gromos e novos confinamentos". 

Á marxe de que non se realizaran determinados exames, as e os farmacéuticos si viviron a chegada do coronavirus en primeira persoa. Non só porque a xente fose a procurar medicamentos en masa ao principio, e visitase os negocios unha e outra vez solicitando máscaras, xeles alcohólicos e luvas. 

Cos equipamentos de Atención Primaria fechados para case todo, estas expertas convertéronse en referencia para saber da Covid-19 e tamén de calquera outro problema de saúde, quer máis leve, quer máis grave. 

Nas localidades máis pequenas deuse unha onda de solidariedade entre a veciñanza, pero a vogal tamén se sente "moi orgullosa da profesión". "Antepuxemos a nosa vocación e o noso papel asistencial en todo momento e, considero que, saímos desta crise reforzados como colectivo", engade Leyes. 

Haberá que agardar para coñecer o impacto psicolóxico na poboación. Dispensáronse máis ansiolíticos e antidepresivos pero puido ser por facer acopio nas casas.  

"Os efectos do confinamento vanse seguir percibindo ao longo dos seguintes meses, co cal para ter unha valoración real do impacto cumpriría agardar até finais de ano", di Santiago Leyes Vence.