Fanse 100 anos do 'crowdfunding' para o monumento a Rosalía de Castro en Compostela

No acto de inauguración, ademais de fogos de artificio, a banda de música interpretou a Marcha Real, cantouse o Himno de Rosalía composto por Cabanillas e musicado por Valverde, mais non se interpretou o himno galego, o que espertou críticas na prensa.

A escultura de homenaxe a Rosalía de Castro que se atopa no parque da Alameda de Santiago de Compostela foi realizada no 80 aniversario do nacemento da escritora por impulso da Liga dos Amigos de Santiago que recolleu a idea xurdida cinco anos antes, en 1912, durante un xantar de xornalistas.

 

Destacouse nunha das intervencións o financiamento da obra por subscrición popular co "valor que lle dá ao monumento a decidida cooperación dos humildes cubrindo a falta dos poderosos".

Este monumento realizado con pedra de Novelda e mármore de Carrara é da autoría do arquitecto Isidro de Benito, do escultor Francisco Clivillés e dos irmáns Giménez como mestres de obra.

 

A escultura de Rosalía, sentada e apoiando a cabeza no brazo dereito nunha actitude pensativa foi realizada, ten aos seus pés a placa conmemorativa “Galiza, a Rosalía Castro de Murguía”. No extremo oposto sitúase outro grupo escultórico conformado por un home e unha muller ataviados co traxe tradicional acompañados de versos da autora dedicados á emigración. Dispón tamén da simboloxía dos escudos da Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense, en cada faciana da planta cuadrangular que acolle unha zona de xardín.

 

O monumento ten diversas placas: da Unidade Galega de Nova York dedicada á "cantora do pobo galego", do Centro Santiago de Compostela de Bos Aires (1934), da Peña Galega Manuel Murguía de Santa Fe (1959), do Centro Galego de Porto Rico en (1965) e de Cantigas e Agarimos (1971).

Fotos:

Monumento a Rosalía. Contando Estrelas (Flickr)

Acto de inauguración. Vida Gallega, 1917