As familias rebélanse contra o ensino semipresencial no bacharelato

A ANPA do IES Antón Fraguas de Compostela avanza protestas na rúa se a Xunta non amplía a dotación de profesorado.
Media ducia de institutos galegos imparten desde o inicio deste curso aulas semipresenciais en Bacharelato ou FP, unha modalidade docente derivada das directrices da Xunta para a prevención Covid-19 e que, segundo denunciou onte no Parlamento o BNG, supón unha "discriminación" para o alumnado dos centros que adoptaron esta fórmula.

A cifra dábaa esta quinta feira o deputado do PP Ovidio Rodeiro, na comisión de educación, na súa réplica á proposición non de lei (PNL) presentada por vía de urxencia pola formación nacionalista para reclamar á Xunta que garanta a formación presencial en todos os centros de ensino, co horario completo de 32 horas lectivas semanais, para "garantir a igualdade de oportunidades e as mesmas condicións lectivas para todo o estudantado", con medidas como a implantación de desdobres e a contratación de máis profesorado. 

"Neste momento os centros nesta situación son escasos, e é debido á falta de espazo [...]. Oxalá non fose ningún", recoñeceu Rodeiro, despois de asegurar que a decisión para implantar a semipresencialidade responde a "criterios técnicos, para evitar usos moi intensos dos espazos –con pouca distancia interpersoal–", e está consensuado coas comunidades escolares.

"Este tema non só se arranxa mediante a contratación de máis profesorado; por unha cuestión física é necesario estabelecer semipresencialidade ademais de desdobres", xustificou. 

O IES Antón Fraguas de Compostela é un dos centros que teñen implantada esta fórmula en primeiro de Bacharelato, unha medida que fai que o alumnado só teña clases presenciais tres días nunha semana e dous na seguinte, de maneira que o resto do horario se realiza desde a casa, sen interacción directa co profesorado e con lapsos de até dúas semanas entre aula e aula presencial, nas materias con menos horario. 

"Esta situación é claramente discriminatoria e crea unha desigualdade entre o estudantado, da que se verán as consecuencias cando se lles pida unha media para acceder a estudos superiores" alerta a ANPA deste centro nun escrito dirixido ao conselleiro de Educación, no que reclaman para o centro máis profesorado para evitar que os catro grupos desta etapa teñan que perder 50% da formación presencial. 

"Na maioría de institutos si conseguiron o ensino presencial, de maneira que os nosos fillos e fillas están en desvantaxe, porque o ensino, guste ou non, baseáse nas notas, e as de primeiro de Bacharelato xa fan media para a proba de acceso á Universidade", expón Isabel Fernández, membro da asociación de nais e pais do Antón Fraguas. 

Como explica, o instituto adaptouse no verán ás medidas pautadas pola Xunta, redistribuíndo espazos para poder cumprir a distancia de 1,5 metros dentro da aula, mais requiría 16 docentes de reforzo para poder cubrir os desdobres, dos que a Xunta só concedeu 10.

"Pedimos equidade respecto a outros centros", reivindica.

Dotación suficiente

Malia a argumentación do portavoz do PP na comisión parlamentaria, a adopción do ensino semipresencial por falta de profesorado para cubrir os desdobres tamén provocou contestación da comunidade escolar noutros centros nos que se aplica, caso dos IES Sánchez Cantón e Valle Inclán de Pontevedra, onde as familias promoveron desde o inicio deste curso mobilizacións para exixir a dotación de docentes que permita que as clases se desenvolvan nos centros.

"Levamos tres semanas perdidas, no curso onde o alumnado de segundo de Bacharelato se xoga o seu futuro", advertiu na comisión, polo BNG, Manuel Lourenzo, despois de recriminar os cambios de protocolo e de criterios que se repetiron na Consellaría de Educación desde xuño até o inicio do curso, con cambio de data para a volta ás aulas incluída. "A discriminación que están a padecer pode ter consecuencias para toda a súa vida", alertou.

"O escenario de semipresencialidade debera ser algo excepcional e non pode imaxinarse como o escenario de entrada no inicio de curso", concordou o deputado socialista Luis Álvarez, antes de explicitar o apoio a unha PNL contra a que se posicionou o PP.