Familias de persoas presas na Lama e Teixeiro denuncian a "suspensión reiterada" das comunicacións

Porta_Centro_Penitenciario_de_Teixeiro_A_Coruña_Galiza
Critican a "inexistencia" en máis de 16 meses de crise sanitaria de "propostas alternativas que non agraven o padecemento de persoas presas e familias".

Mulleres de persoas presas nos Centros penitenciarios da Lama e Teixeiro únense para denunciar publicamente a xestión de ambos centros en canto á "vulneración dos dereitos penitenciarios" dos seus familiares no que respecta á "suspensión reiterada" de comunicacións especiais 'vis a vis'.

Critican a "inexistencia" en máis de 16 meses de crise sanitaria de "propostas alternativas que non agraven o padecemento de persoas presas e familias". Porque, insisten, "chamadas de oito minutos, videochamadas, comunicacións por vidro só dúas persoas ou comunicacións especiais cunhas corentenas de 10 dias illados nas celas durante 24 horas cunha soa saída para chamar non son medidas garantistas de ningún tipo".

"En Francia, por exemplo,  instalaron cabinas de videochamada en cada cela", argumentan. "Por que non nos fan test de antíxenos a nós? Non entendemos como se propoñen medidas para entrar en bares ou discotecas, ou como noutros organismos públicos como escolas se traballa con normalidade e nós seguimos sen respostas que nos permitan o coidado e o acompañamento físico", engaden.

E por iso que veñen de presentar unha denuncia ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, a consellería de Sanidade a e cadansúa dirección dos centros de Teixeiro e da Lama.

"Facemos un chamamento desde aquí a que ningún familiar, amigo, amiga ou persoa solidaria fique calada ante tal inxustiza e presente con nós as queixas necesarias e corra a voz para garantir o abrazo e a saúde de todas, porque o amor pode máis que o medo e fortalece o sistema inmune", conclúen.