Familias de estudantes con necesidades especiais denuncian a “discriminación” da Xunta

Imaxe de arquivo de estudantes nunha aula. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

A plataforma Dereitos, Non Parches opina que o documento marco redactado pola Consellaría de Educación é "ineficiente" e "contraditorio". Preocupa de maneira especial que se autorice a creación de unidades de educación especial para agrupar ao alumnado con diversidade funcional.


 

A Plataforma de familias de alumnas e alumnos con necesidades específicas de apoio educativo Dereitos, Non Parches denuncia que o protocolo posto en marcha pola Consellaría de Educación para evitar ou reducir o risco de contaxios nos centros educativos é “discriminatorio, ineficiente, incompleto e contraditorio”.

A principal crítica que fai o colectivo é a discriminación que estabelece para as e os estudantes con diversidade funcional.

As nais e pais entenden que o texto publicado o pasado 23 de setembro “non aporta solucións aos problemas provocados pola situación de pandemia no contexto educativo”.

Porén, si “promove a asunción de medidas profundamente discriminatorias”. Con isto refírense, por exemplo, ao feito de que a Xunta comunicara xa que “se autoriza a creación de unidades de educación especial”.

O punto continúa aludindo a que estas aulas ou espazos estarían “en centros ordinarios” e nelas “agruparíase ao alumnado con diversidade funcional ou trastornos graves da conduta”.

Dereitos, Non Parches, advirte de que esta medida non ten “xustificación sanitaria de ningún tipo” e, ademais, é “contraria” ao artigo 24 da Convención de Dereitos das Persoas con Discapacidade.

En calquera caso, defenden que tampouco é “unha decisión que se poida delegar na autonomía dos centros en función de criterios organizativos, como da a entender o protocolo”.