As familias esixen que a "volta ao cole" sexa presencial e non telemática

As escolas, baleiras, agardan pola rapazada (Foto: Nós Diario).

As dúas principais organizacións de nais e pais de estudantes coincidiron na necesidade de que a “volta ao cole” sexa presencial, máis logo de meses de educación a distancia, e pediron no Congreso medidas que faciliten a conciliación a partir de setembro.

As dúas principais organizacións de nais e pais de estudantes coincidiron na necesidade de que a “volta ao cole” sexa presencial, máis logo de meses de educación a distancia, e pediron no Congreso medidas que faciliten a conciliación a partir de setembro.

Así o reclamaron tanto Mari Carmen Morillas, da Confederación Española de Asociacións de Pais e Nais do Alumnado (CEAPA), como Pedro Caballero, de Confederación Católica Nacional de Pais de Familia e Pais de Alumnos (CONCAPA), nunhas comparecencias desenvolvidas no marco do Grupo de Traballo de Políticas Sociais e Sistema de Coidados da Comisión para a Reconstrución Social e Económica de España.

Nunha sesión sobre educación, as organizacións de familias expuxeron tanto as súas propostas para o próximo curso, que estará condicionado pola evolución da pandemia do coronavirus, como a súa valoración da experiencia dos últimos tres meses, un período anómalo onde todo o ensino foi a distancia polo feche de centros despois do decreto do estado de alarma.

Desde CEAPA, a organización que agrupa ás asociacións da escola pública, Mari Carmen Morillas considera que, en canto as autoridades sanitarias o permitan, a volta ás aulas debe ser "inmediata" para garantir o dereito á educación, porque a “equidade” non é compatíbel, na súa opinión, co ensino a distancia.

A representante de CEAPA subliñou que os e as escolares con discapacidade ou con necesidades educativas especiais quedaron fóra da educación telemática, ademais de menores de familias sen recursos, todos afectados pola fenda dixital. Por iso considera que a presencialidade é "ineludíbel" e que as administracións teñen que preparar “xa a volta ao cole”, sempre contando coas familias.

Petición esta compartida por Pedro Caballero, o presidente de CONCAPA, que criticou que as familias quedasen fóra das decisións educativas durante o estado de alarma. Tamén, que aínda non existan "protocolos de actuación" para o regreso a clase en setembro. "Estamos á expectativa", dixo no Congreso, onde reivindicou os valores ensino presencial. "Unha máquina non pode substituír o labor dun docente", asegurou.