As familias do 'Pitanxo' terán o 7 de xullo unha videoconferencia con Canadá

Familiares do Pitanxo, nunha protesta diante da sede da Valedora do Pobo. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Viaxarán en próximas datas ao Parlamento europeo, en Bruxelas, e á Axencia Europea de Seguridade Marítima, en Lisboa

Familiares das 21 vítimas do naufraxio do pesqueiro Vila de Pitanxo, afundido o 15 de febreiro a 450 kiómetros da costa de Terranova (Canadá), manterán unha videoconferencia con autoridades do país norteamericano na súa embaixada de Madrid a vindeira quinta feira, 7 de xullo. Tres días antes poranse en contacto con esta oficina para fixar os temas a abordar.

Así o informou aos medios hoxe a portavoz das familias, María José De Pazo, despois de que esta semana rexeitasen acudir á reunión coas autoridades de Salvamento Marítimo de Canadá que organizou a Delegación do Goberno na Galiza.

Segundo xustificaron, esta negativa débese á "falta de comunicación e á falta de respecto" que, ao seu xuízo, tivo a institución con elas, xa que estabeleceu a data do 29 de xuño de forma "unilateral".

Agora, daranse cita telemáticamente coas autoridades canadenses en horario de tarde, debido á diferenza horaria co país norteamericano. As familias estabelecerán un primeiro contacto coa embaixada na segunda feira, unha vez pasada a semana da cimeira da OTAN, para fixar os asuntos da videoconferencia do día 7.

Viaxes a Bruxelas e Lisboa

Ademais, De Pazo avanzou que os familiares das vítimas planean desprazarse o día 18 a Bruxelas, para comparecer ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, co obxectivo de presentar un escrito que informe de que levan "meses pedindo" ás administracións que lles informen de "por que non se baixa" ao pecio do buque para investigar o que ocorreu.

Neste contexto, a portavoz das familias pregúntase por que a principios de xuño o buque oceanográfico Vizconde de Eza se achegou á zona onde se afundiu o Vila de Pitanxo sen que se lle desen instrucións de medir a profundidade da zona, xa que dita embarcación "ten sónar para realizalo", segundo explicou De Pazo.

Así mesmo, as familias lembran que continúan coa súa loita porque case cinco meses despois "ninguén" lles deu "unha resposta nin ningún escrito nin anexo de expertos" sobre o que sucedeu na madrugada do 15 de febreiro.

Todas estas cuestións tamén as levarán nunha próxima viaxe a Lisboa, onde se atopa a sede da Axencia Europea de Seguridade Marítima (EMSA, polas súas siglas en inglés).