Familias denuncian o agravamento da saúde de residentes nun centro da Xunta

Complexo Residencial de Atención a Persoas con Discapacidade do Meixoeiro en Vigo (Imaxe: Nós Diario).
O Complexo de Atención a Persoas Dependentes do Meixoeiro alberga 450 residentes. Familiares das usuarias e usuarios aseguran que a falta de mobilidade e contacto durante o confinamento deteriorou a súa saúde e lamentan que co novo protocolo de visitas hai maiores que non poden saír do recinto. Reclaman á Administración galega máis profesionais para reverter o seu empeoramento. 

"Os medios de comunicación dan conta dos problemas das residencias privadas, pero hai que explicar tamén os dos centros públicos". Quen fala é Eduardo Ruanova, fillo dunha usuaria do Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes (CRAPD) de Meixoeiro, dependente da Consellaría de Política Social e localizado no concello de Vigo.  Os problemas aos que se refire pasan, segundo as familias doutras e doutros residentes, polas escaseza persoal especializado para atendelos.

O complexo está dividido en dous centros, o Vigo I e mais o Vigo II que suman 450 prazas. A comezos do mes de abril, unha Técnico de Coidados Auxiliares Enfermería relatou a Nós Diario que se rexistraron baixas entre o persoal polos altos niveis de estrés no inicio da pandemia do coronavirus.

Daquela permanecían no centro 15 residentes contaxiados, que evolucionaron a un total de 18 máis adiante. Tras superar "os problemas do principio" de abastecemento de material contaban xa co "necesario". Porén, o medo entre residentes era moi alto. As familias, apunta Ruanova, apenas mantiveron o contacto cos residentes. "Nese tempo falei nun par de ocasións coa médica que atende a miña nai e con ela fixes tres videochamadas, máis nada", afirma.

"Durante os meses do confinamento os usuarios non saíron do centro co conseguinte deterioro físico. A pesar disto, non aumentaron as horas do servizo de fisioterapia. Tampouco contan cun profesional de medicina especializado en xeriatría", acrecenta Ruanova, salientando que as queixas foron remitidas á dirección do centro con escasos resultados.

Despois de declararse libre da Covid-19 a comezos de setembro nun cribado , o CRAPD I e mais o CRAPD II rexistraron contaxios entre o persoal. A día de hoxe hai dous profesionais con coronavirus no primeiro e outro no segundo. 

Acompañamento familiar

Reactivado o réxime de visitas, Ruanova comprobou como os paseos ao aire libre ao seu carón contribuíron a mellorar a saúde de súa nai. "Agora o rexime de visitas volveu mudar e xa no poden saír do centro, nós temos que falar con ela a distancia e non a podemos tocar", dóese. O motivo aducido pola directiva foi evitar contaxios. "Pero polos dados nós sabemos que moitas veces é o persoal quen, obviamente sen querelo, contaxia aos residentes", valora el.

Tanto Ruanova como outros familiares trasladaron a súa preocupación á directiva da residencia polos residentes da primeira e segunda planta que non poden saír do interior do centro. "Tamén presentamos denuncias ante a inspección médica, pero acumulamos moitos correos electrónicos que din que as queixas serán atendidas e ningunha resposta máis", di. A semana pasada decidiron reunirse con representantes do BNG.

A deputada na Cámara galega Alexandra Fernández e mais o concelleiro do BNG por Vigo, Xabier Pérez Igrexas, achegáronse até as portas do CRAPD de Meixoeiro. "O que nos explicaron é duro, estamos a falar de residentes que pasaron meses nos seus cuartos ou no centro, sen poder saír ao recinto", explica o segundo, que ademais da falta de xeriatra ou de horas de fisioterapia alude á necesidade de contar con máis profesionais de terapia ocupacional ou logopedia.

A representante do BNG no Pazo do Hórreo trasladou ás familias que preguntará pola situación deste centro público. "Cómpre reforzar o persoal para brindar a atención que as nosas persoas maiores e as súas familias merecen, sobre todo nun contexto tan complexo como o de pandemia", defendeu nun comunicado. 
"A Xunta da Galiza é perfectamente coñecedora desta situación porque nos consta que as familias teñen rexistrado numerosas queixas mais non se teñen acometido cambios", engade Xabier Pérez Igrexas