As familias das vítimas do 'Vila de Pitanxo' piden unha placa en Terranova

Pedro Branco con familiares das vítimas do afundimento do 'Vila de Pitanxo'. (Foto: Delegación do Goberno español na Galiza)
Responsábeis da armadora do barco afundido declararán ante a Audiencia Nacional a vindeira segunda feira.

Familiares de vítimas do Vila de Pitanxo reuníronse esta cuarta feira co delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, e coa subdelegada en Pontevedra en funcións, Isabel Alonso, para trasladarlles as súas demandas. Entre elas, a xestión da "loxística" para poder colocar no porto de Saint John's en Terranova, Canada, ao longo de 2024, "a última placa" co nome dos 21 falecidos no naufraxio que tivo lugar o 15 de febreiro de 2022 en augas canadenses. 

Así o trasladou María José de Pazo, a portavoz dos familiares, que cualificou o encontro de "positivo" e valorou a "atención cordial" e a actitude "receptiva" do delegado. 

"O que pedimos non é nada extraordinario. É de xustiza", engadiu De Pazo sobre unha homenaxe que "para todos sería moi importante". A placa conmemorativa no porto de Saint John's é a "única que falta" despois de que se colocaran outras nos municipios nos que residía algún dos 21 falecidos nas traxedias.

Audiencia nacional

Os familiares das vítimas do naufraxio tamén se referiron á comparecencia en calidade de investigados ante o xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno a próxima segunda feira, 27 de novembro, dos responsábeis do Grupo Nores, a armadora do Vila de Pitanxo

"Sempre confiamos na xustiza", dixo a portavoz, polo que "celebramos que siga esta instrución". As familias agardan que "todo o que sexa positivo para esclarecer as causas, para que se saiba a verdade, e que todas esas hipóteses e mentiras que se dixeron nun comezo estean descartadas, que fique todo claro e que, por fin, as familias e os 21 teñan xustiza".