Familias de Brión culpan a Xunta de restrinxir o acceso ao comedor escolar

CEIP de Pedrouzos, en Brión.
A ANPA do CEIP Pedrouzos de Brión anunciou hoxe mobilizacións se a Consellaría de Educación non modifica os criterios que impiden a todas as familias que o precisan o acceso ao comedor escolar. 

A asociación acusa a Xunta de "excluír" a metade delas dun servizo a través duns criterios para a adxudicación "anacrónicos e non responden ás necesidades actuais". 

Segundo pon de relevo a asociación de nais e pais, a falta de prazas de comedor neste centro é un problema que se arrastra desde hai anos, pero que agora se ve agravado polas restricións a que obriga a Covid-19.

Como expón, para permitir desdobrar o servizo de comedor e así aumentar a capacidade do servizo, a Xunta unicamente autoriza que se incremente de 15 a 27 o número de voluntarias e voluntarias que atenden as comidas.

"Iso si, as persoas voluntarias deben ser pais, nais ou titores legais do alumnado do centro. Noutras palabras, o aumento de prazas no comedor, imprescindíbel para garantir a prestación deste servizo fundamental, está condicionada a que haxa 27 persoas que cumpran con ese requisito de vínculo co alumnado e teñan, ademais, a posibilidade horaria de colaborar de modo altruísta", denuncia a entidade.

Para a ANPA, un modelo de xestión directa, "que podería ser exemplar", é convertido nun servizo "abocado á desaparición" pola negativa a reestruturar criterios de funcionamento.

No entanto, a asociación propón un modelo alternativo e, aos seus ollos, "viábel", que pasa por abrir unha segunda quenda de comedor, excepcional, apoiada con monitoras e monitores de comedor profesionais.

"O colexio ten a capacidade organizativa para poder levala adiante, e conta tamén coa vontade do Concello para apoiala, asumindo a contratación deses monitores ou monitoras", asegura.

Para as familias do IES Pedrouzos, a alternativa que ofrece a Xunta coa ampliación do voluntariado non é senón un "parche sobre un sistema á beira do colapso".

"A Xunta está, literalmente, ausente", censuran, e chaman o Goberno galego a cumprir o seu papel, que é "o de dar certeza e garantir o acceso en condicións de equidade e con todas as medidas de seguridade a un servizo cunha importante demanda e "fundamental.