As familias apelan á evolución da Covid-19 para pedir novas medidas na volta ás aulas

Protestas convocadas en xullo polo Consello Escolar Municipal de Cangas para reclamar máis seguridade nas aulas.
A Confederación Anpas Galegas reclama á Xunta un "plan B", complementario das medidas do protocolo aprobado de forma unilateral pola Consellaría de Educación para o inicio do curso, ante o aumento dos contaxios.

A evolución dos casos de coronavirus nas últimas xornadas na Galiza, a un mes para a volta ás aulas nas etapas máis temperás (10 de setembro), só fai acrecentar a "preocupación" das familias do alumnado dos centros de ensino público, moi críticas coas medidas deseñadas pola Consellaría de Educación para a adaptación do inicio de curso a unha situación sanitaria cambiante e, hoxe, impredicíbel.

Así o expresaba onte a Confederación Anpas Galegas, para demandar á Xunta un "plan B" diante do aumento de persoas afectadas pola pandemia e do cambio de escenario respecto á situación que había o pasado 23 de xullo, cando o Goberno galego deu condición de norma de uso ao seu catálogo de medidas para o inicio do curso. 

Como fai notar esta plataforma, moi crítica coas medidas deseñadas pola Consellaría de Educación para a adaptación do inicio de curso, naquela data había detectados na Galiza 163 casos activos de coronavirus, segundo os datos da Consellaría de Sanidade, que no día de onte fixaba a cifra en 670, cun incremento superior a 300% en menos de tres semanas e "nun contexto exterior moito máis preocupante, onde xa se fala de segundas vagas de contaxio e de confinamentos parciais".

"Este protocolo non asegura unha volta á clase tal e como queremos, con menos alumnado por aula e máis medidas hixiénicas, con máis profesorado e máis atención á diversidade, con máis medios e máis expectativas. Este protocolo só asegura que logo de comezar o curso, ao pouco tempo, imos ver como se van fechando centros escolares, tal e como estamos vendo en barrios, vilas e cidades onde as cousas están mal programadas", advertía esta fin de semana o presidente de Anpas Galegas,  Fernando Lacaci. 

Para esta confederación, se as medidas recollidas no protocolo da Xunta eran en xullo "inaplicábeis e inseguras", hoxe, na nova situación, ameazan con converter os centros de ensino nunha "trampa" para o alumnado e as familias.

"A Consellaría de Sanidade indícanos a necesidade de mantermos unha distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros, pero tamén nos informa da ocupación máxima dos diferentes locais e momentos da vida social: 75% da capacidade en bares, restaurantes, vodas, igrexas, velorios, cines…", indica a plataforma, que censura que para a Administración galega os centros escolares sexan "sitio distinto", cunha capacidade dentro das aulas que poderá acadar 25 persoas nas etapas de Infantil e Primaria, de 30 en Secundaria e de até 35 no Bacharelato, coa distancia mínima reducida a un metro ou, se é superior, sen máscara. 

Neste contexto, as familias integradas neste colectivo chaman á Consellaría a "traballar nos diferentes escenarios que xa se van albiscando", para asegurar que o sistema poida funcionar, en caso de ser necesario, sen presencialidade, "dunha maneira homoxénea que garanta a igualdade", sabendo que a presencialidade "non é substituíbel"

"Non serve pór limites económicos nin escusas de intendencia.  O que se faga ten que contar con todas as garantías que se poidan achegar neste momento", require á Xunta o presidente de Anpas Galegas. 

Mil sinaturas para dar voz ás familias na revisión do protocolo para o inicio do curso

Outra federación galega de ANPA de centros públicos, Confapa, ten aberta unha campaña de recollida de sinaturas para reivindicar o papel das familias na prevención da Covid-19 e, nese sentido, exixir á Xunta que "rectifique" e inclúa este colectivo á hora de revisar o protocolo de adaptación do inicio de curso ás condicións sanitarias.

A plataforma, que conta xa con mil apoios a través de Change.org, demanda a inclusión das familias na mesa sectorial, lembrando que estas son, en última instancia, "as que sofren as consecuencias dunha mala planificación que podería provocar infeccións" entre o alumnado. Entre as deficiencias que atopan no plan da Xunta citan a "mala regulación" de aspectos como o transporte escolar, as actividades extraescolares ou a formación de cara a un escenario de teledocencia