Familiares de vítimas nas residencias claman por un modelo público

Centro residencial do Inicio (Imaxe: Alberto López / Europa Press)
Medran os contaxios nas residencias, con 332 usuarias afectadas. A Xunta recoñece a existencia de "carencias" mais defende a preponderancia da empresa privada na rede residencial. Familiares de vítimas da Covid-19 en xeriátricos mobilizaranse reclamando investigar o sucedido e en prol dun modelo público.

Segundo os últimos datos facilitados pola Consellaría de Política Social esta quinta feira, 24 de setembro, as e os usuarios de residencias de maiores e de dependencia infectados polo coronavirus son 332, após contabilizárense nas últimas 24 horas 10 novos contaxios (6 entre usuarias e 4 entre o persoal). 136 son as traballadoras e traballadores afectados pola Covid-19.

A situación disparouse desde o domingo, cando se rexistraban 264 contaxios en usuarias en tan só 5 residencias (agora son 13). 

Os centros con máis maiores positivos corresponden á residencia privada DomusVi Lugo, no concello de Outeiro de Rei, con 131 contaxiados. Séguea a do Incio, da Fundación San Rosendo, que se mantén con 58 maiores afectados no seu interior. El Pinar de Culleredo, centro tamén de iniciativa privada con ánimo de lucro, conta con 21 usuarias afectadas.

Estas son as tres residencias que ten intervidas a Xunta da Galiza. A situación preocupa tamén no xeriátrico A Nosa Señora do Viso, en Lobeira, cun surto de 46 infectados, e no da empresa Ballesol en Oleiros, con outro gromo detectado de 30 contaxiados. 

Nas residencias de discapacidade son 25 os casos de positivos en usuarias, 24 delas no centro Ricardo Baró (Oleiros), onde tamén hai 13 traballadoras positivas.

De todas as defuncións por coronavirus na Galiza notificadas no parte publicado esta quinta feira polo Sergas (726), case a metade foron de persoas usuarias de residencias. 

Homenaxes e mobilizacións  polas vítimas en residencias

"Dereitos, xustiza e dignidade", claman desde a federación de familiares e usuarias de residencias REDE ante a crise que se viviu no pico da pandemia e que afecta de novo a vida das e dos maiores. Este sábado ás 12 horas realizarán na rúa do Príncipe, en Vigo, unha homenaxe ás vítimas da xestión da pandemia nas residencias e contra a vulneración dos dereitos humanos neses centros, sinala a Nós Diario Xosé Bernárdez, presidente do colectivo Vellez Digna e secretario de REDE.

Mais tamén se mobilizan polo cumprimento dos dereitos laborais e dos convenios porque ademais de ser necesario "repercute no trato e situación dos maiores". Rede vén denunciando estas inxustizas que se dan maiormente nos centros xeriátricos privados e nos públicos xestionados por empresas lucrativas e fundacións.

Na convocatoria Rede cualifica de "indigno" o modelo residencial da Xunta, reclama investigar os servizos de inspección da Administración galega e apuntan a responsabilidade da Presidencia do Goberno galego por impulsar un modelo baseado no negocio e non na seguranza nin saúde. 

A mobilización levarase a Santiago de Compostela un día despois, o domingo 27, tamén ás 12 horas, na praza da Quintana. 

O BNG pide intervir todos os centros xeriátricos

A portavoz do BNG, Ana Pontón, reclamou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, que "reaccione" ante a crise nas residencias e as interveña todos para asumir o control desde o público e blindalas, co obxectivo de "evitar que se volvan converter na zona cero da pandemia, como sucedeu na primeira onda, deixando un tráxico balance de vítimas". 

“O Goberno non pode seguir eludindo a súa responsabilidade e por iso o BNG levou ao Parlamento a creación dunha comisión de investigación para analizar o que pasou, corrixir erros e avanzar cara a un novo modelo que garanta o dereito a unha vellez digna”, explicou a xefa da oposición.

“O PP vetou esa comisión e o que pedimos é que ese veto non se estenda tamén ás medidas que urxe adoptar, pois os datos de contaxios masivos evidencian que están fallando os protocolos". O BNG ve na intervención pública de todas as residencias a ferramenta para poder anticiparse e garantir medios e recursos suficientes.

Pasos cara a outro modelo en Celanova

O pleno do concello de Celanova aprobou por unanimidade unha moción que dá pasos cara a un outro modelo residencial, ao achegar dous compromisos por parte da corporación municipal. O primeiro é facilitar unha axuda económica para que a residencia de San Carlos poida superar o impacto nas súas contas da crise da Covid-19. A segunda é a incorporación dos grupos políticos, das familias das e dos usuarios e das propias traballadoras e traballadores do centro xeriátrico ao padroado que o dirixe, a través da modificacións dos seus estatutos. 

Este centro privado pertence á fundación San Carlos e converteuse en epicentro da pandemia e das críticas debido á falla de persoal e á tardanza da Xunta en actuar. A moción impulsouna o concelleiro do BNG, Leopoldo Rodríguez, exixindo que o Concello asuma a súa responsabilidade como parte pública da residencia e participe na súa xestión e financiamento xa que, ademais, construíuse con axudas públicas. 

A Xunta recoñece que hai "carencias" 

O novo director xeral de  Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González, admitiu a existencia de "carencias" nas residencias, pero manifestou que en "99%" delas non hai "ningún caso positivo". Así o dixo na comisión de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento. "A vellez é un nicho de negocios moi lucrativo", recriminoulle a deputada do BNG,

Olalla  Rodil, nunha interpelación sobre o actual modelo de centros xeriátricos. González defendeu que a Xunta está a traballar "nun novo modelo residencial derivado das carencias detectadas pola pandemia".

Porén, tal e como adiantou xa Núñez Feixoo no debate de investidura, ese modelo non cuestionará a relevancia das corporacións lucrativas sobre a rede residencial. González tamén aludiu á próxima construción de sete novos centros públicos, un por cidade, unha promesa que o PP reitera desde 2016.