As familias do 'Pitanxo': "Xa que o Goberno español non o fai, pedimos axuda á xente boa deste país para baixar ao barco"

Nova protesta das familias do 'Vila de Pitanxo'. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)
Cargan contra Pedro Sánchez, que días despois do naufraxio prometeu facer "o posíbel e o imposíbel". "A quen trata de defender, presidente? Saiba vostede, se trata de ocultar algo, que as familias non cansaremos", dixo Kevin González, fillo dun dos mariñeiros falecidos.

Familiares de vítimas do naufraxio do pesqueiro galego Vila de Pitanxo, volveron pedir esta sexta feira axuda a empresas privadas para que lles presten un barco co que ir até o lugar do suceso e poder baixar ao pecio.

Nun acto convocado polas familias ante a Subdelegación do Goberno de Pontevedra, Kevin González, fillo dun dos falecidos, foi o encargado de ler un manifesto. Así, solicitaron a empresas privadas, particulares "ou xente boa deste país ou doutros" que lles presten un buque co que poder levar o material preciso a Terranova (Canadá) para obter probas baixando ao barco afundido.

González lembrou que unha empresa de Noruega xa se comprometeu a cederlles gratuitamente un sónar e un robot para baixar ao pecio, mentres que a Xunta ofreceu traer ese material a España.

"O único que nos fai falta é un buque que poida tardar entre 15, 20 ou 30 días en realizar a viaxe de ida e de volta e as operacións de busca. Xa que o Goberno de España non o fai, solicitamos a empresas privadas, a particulares e a xente boa deste país ou doutros que nos axuden", subliñou Kevin González ante os medios.

Os familiares das vítimas do Vila de Pitanxo volveron cargar contra o Executivo de Pedro Sánchez, xa que o presidente, días despois do naufraxio, dixo que faría "o posíbel e o imposíbel". Con todo, agora o Goberno negouse a baixar ao pecio a investigar as causas dos sucedido a non ser que o solicite un xuíz ou a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM), que está a investigar o sinistro.

"Xa non fai falta un robot. Xa non fai falta o sónar de varrido lateral. Xa o temos. Xa non hai que gastar ese diñeiro. Xa non fai falta ir buscalo a ningún lado, porque a Xunta o freta. Só fainos falta un barco, que ás arcas do Estado suponlle ben pouco", reivindicou.

As familias lembraron que pasaron xa máis de cinco meses desde a traxedia. Cinco meses nos que Sánchez "non cumpre o seu compromiso". Aliás, aseguraron que é "obriga" do Goberno investigar o naufraxio, "tal como recolle o ordenamento xurídico español".

"Non imos cansar, pasen 1, 2, 9 ou 28 anos"

"A quen trata de defender, presidente Sánchez? Que saiba vostede que se está a tratar de ocultar algo e se está a tratar de defender a alguén, non o vai a conseguir, porque as 21 familias non imos cansar. Pasen 1, 2, 9 ou 28 anos", sentenciou Kevin González.