Familiares de usuarias lamentan que, após 800 mortes nas residencias, non haxa “investigación nin responsábeis”

Un sanitario nas inmediacións dun centro residencial. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Afirman que nas mortes pola Covid “tamén incidiron situacións de neglixencia e abandono” e denuncian que durante a crise nos centros, “foron violentados dereitos fundamentais como dereito á vida, á saúde, á non discriminación, á vida privada e familiar e á morte digna”.

A Federación galega pola defensa dos dereitos de usuarios de residencias ‘Vellez e Dignidade’ reclaman unha investigación sobre o acontecido durante este ano de pandemia (“oficialmente son case 800 mortos”, engaden) e esixen solucións ás carencias de material e persoal que denuncian que segue a haber nas residencias.

“Estes días hai un ano que comezaron os contaxios e mortes en residencias –a primeira, en Celanova– e os contaxios masivos en centros como Aldán, Barreiro ou San Lázaro –os que recibiron máis denuncias e nos que o mal funcionamento xa dera orixe ás primeiras asociacións de familiares, mais DomusVi e a Xunta sempre ignorou as súas queixas”, indican nun comunicado desder ‘Vellez e Dignidade’.

Case a metade das persoas maiores mortas na Galiza pola Covid foron nas residencias malia que nelas só viven o 3 % deles, denuncian.

 Sinalan o grupo DomusVi como “destacado tanto en numero de contaxios como de falecementos, acumulando o 40 % das falecidas”.

“A xustiza no pode ser indiferente ante case 800 mortos. A Valedora do Pobo tampouco"

Para esta organización DomusVi resume “moitas das causas que produciron a catástrofe”: desorganización por falta persoal, dúbidas na aplicación de protocolos, decisións erróneas, darse “de forma sistemática información falsa os familiares sobre o estado de saúde dos maiores”,…. S

“As familias non imos esquecer o que pasou nin renunciaremos a que se investiguen as causas e os responsábeis do que pasou en moitos centros de grandes empresas como os de DomusVi (casos como Barreiro e Aldán) ou nos da Fundación San Rosendo no Incio, A Farixa e Os Gozos (ambas en Ourense) ou en centros privados máis pequenos como Celanova”.

Un ano despois, lamentan, non houbo comisión de investigación parlamentar “nin tampouco se realizou, de oficio, ningunha investigación xudicial sobre as residencias. Tampouco se incrementou o persoal nin se melloraron substancialmente os recursos materiais e de vixilancia e fiscalización dos centros por parte das consellerías de Sanidade e de Política Social”.

Lamenta, ademáis, que no Parlamento galego  “non se teña activado a comisión de investigación que reclamamos as familias”.

“A xustiza no pode ser indiferente ante case 800 mortos. A Valedora do Pobo tampouco. Non protexe ás vítimas, limítase a transmitir informes da Administración. Seguimos sen saber os mortos de cada residencia antes de agosto. Esa ausencia de datos só favorecen os responsásbeis, e prexudica  os cidadáns”.