Familiares e usuarias denuncian o incumprimento do réxime de visitas nas residencias

Residencia de DomusVi. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Transcorridos dez días desde a vacinación, deberían permitirse ás persoas usuarias de centros sociosanitarios até tres visitas por semana de unha hora cada unha. Porén, segundo denuncia REDE, isto non se está a respectar. 

A Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia REDE denuncia o incumprimento da lexislación vixente sobre o réxime de visitas. Unha vez administrada a segunda dose, e transcorridos dez días, deberían permitirse ás persoas usuarias de centros sociosanitarios até tres visitas por semana. 

Porén, segundo apuntan desde a entidade, en boa parte das visitas pode acontecer que non se respecte e só se permita unha visita á semana.

Apuntan directamente que é costume nas residencias da terceira operadora da Galiza, Hermanitas de los Ancianos Desamparados, que segundo a rede "marcan o top 1 en canto á vulneración reiterada das normas, xa desde o mesmo 26 de maio de 2020", no inicio da desescalada.

Entre as vulneracións estaría o goce dun tempo inferior de visita, media hora en lugar da unha estipulada, ou mesmo "uns miserábeis 20 minutos". Nisto citan exemplos de residencias públicas, con xestión privada, como a de O Carballiño (30 minutos) ou a de Arteixo (20 minutos), e a privada de Vimianzo, propiedade da maior operadora do Estado (DomusVi).

No que atinxe ás saídas, estabelecidas en dous días á semana durante dúas horas, denuncian que "boa parte das residencias non informa aos familiares desa posibilidade". E neste senso lembran que a información de moitas persoas se limita a estas comunicacións e as das propias asociacións, pois a Administración non se ocupa de manter informadas as afectadas sobre os seus dereitos.

Neste senso, desde a federación lembran que algún portavoz da segunda operadora en número de prazas na Galiza, a Fundación de San Rosendo, chegou a expresar, ante as reclamacións dos familiares para que se axustasen ás normativas vixentes que "nós estamos por enriba da Xunta".

"Os familiares estamos cansos, fartos, destes incumprimentos graves" que "desde hai nove meses vulneran os dereitos de usuarias e familiares". Lembran que isto pode repercutir negativamente na saúde das persoas maiores.

Vixilancia por familiares

A Xunta, derivando a vixilancia nas familias, "segue sen actuar con contundencia", aseguran. "O colmo é que ningunha residencia das 262 que existen na Galiza cumpre a terceira posibilidade de visita, en vigor desde o 17 de novembro, que afecta aos dereitos das persoas máis vulnerábeis, os grandes dependentes, que poderían ser visitados cada día entre 30 e 60 minutos". Até agora foi imposíbel conseguir isto.

A norma tamén indica: "Favorecerase o contacto diario con familiares ou amigos mediante chamadas telefónicas, videochamadas ou videoconferencias. Os medios técnicos para a realización destas proveranse polos centros". Se xa as outras vías eran complexas, está suma aínda máis dificultades, segundo denuncian desde a federación. 

Protesta en Porta do Camiño

Doutra banda, desde a CIG, Xan Carlos Ansia califica de "pantomima" a visita que Alberto Núñez Feixoo, presidente da Xunta, ten previsto facer a segunda feira á residencia compostelana Porta do Camiño.

Ansia valóraa como unha "desconsideración e falta de respecto", ao considerar que emprega unha visita protocolaria como propaganda electoral. En troques disto, pídelle ao mandatario que reciba os representantes dos traballadores para tratar as problemáticas que afrontan no día a día.

Reclaman especialmente a devolución do descanso por traballar fins de semanas e festivos, a dotación de máscaras FFP2 para traballar en primeira liña con seguridade ou a compensación por facer cribados e PCR en días de descanso.