Familiares de persoas presas en Teixeiro volven mobilizarse: "Mentres denunciamos, as represalias continúan"

Concentración de familiares de persoas presas decorrida o pasado sábado fronte ao cárcere de Teixeiro (Foto: Nós Diario).
"Se comezaron con traslados inxustificados, continúan agora con 'avisos' en ton ameazante aos internos de como iso os vai prexudicar para permisos que xa teñen concedidos", denuncia o colectivo Abaixo os muros.

Familiares de persoas presas no cárcere de Teixeiro volveron mobilizarse o pasado sábado no exterior do recinto para mostrar, máis unha vez, o seu "malestar" ante a "nula xestión" por parte da dirección deste penal no que atinxe ao réxime de visitas, condicionado por mor da pandemia.

"Ao igual que o sábado anterior, e ao longo destes case dous anos, asinouse unha queixa colectiva na que continuamos pedindo explicacións á direción desta prisión, que non só persevera no seu hermetismo e no seu silencio eludindo responsabilidades na execución de corentenas pos vis a vis probabelmente ilegais, senón que fai declaracións a un medio público evitando contestar ás preguntas e responsabilizando ás persoas presas da tortura á que están sendo sometidas", sinala o colectivo Abaixo os muros, a través dun comunicado remitido aos medios esta terza feira.

Neste último punto fan alusión a unhas declaracións do director do cárcere á CRTVG nas que xustifica as medidas adoptadas alegando que procuran "garantir a saúde dos internos".

Aliás, o colectivo de familiares salienta que, desde que as súas denuncias "están tendo eco mediático", as "represalias" ás persoas presas ligadas ás e os familiares que se mobilizan "continúan".

"Se comezaron con traslados inxustificados, continúan agora con 'avisos' en ton ameazante aos internos de como iso os vai prexudicar para permisos que xa teñen concedidos, negándolle visitas por locutorio a familiares dicindolles que xa están completas as visitas ou, directamente, colgando o teléfono cada vez que se chama pedindo explicacións", lamentan.

Cómpre lembrar que o pasado 4 de febreiro Abaixo os muros tamén denunciara unha situación idéntica no cárcere da Lama: "Pedimos explicacións e, lonxe de atopar resposta, a directora da prisión emprende represalias contra persoas ligadas a familiares que veñen denunciando todo este tempo a vulneración de dereitos e a tortura encuberta".

"Esta violación de dereitos reiterada e sádica síguenos alentando a non calar, a axudarnos mutuamente e a esgotar todas as vías administrativas e xudiciais necesarias para que estas actuacións non prexudiquen ninguén máis", conclúe o comunicado de Abaixo os muros.