Familiares do 'Pitanxo' piden ao patrón e a seu sobriño que "deixen de mentir"

Unha muller amosa dúas fotografías dunha das vítimas ante a Delegación do Goberno o pasado mes de maio. (Foto: M. Dylan / Europa Press).
Cualifican de "insultante e vergoñenta" a decisión do Goberno do Estado de enviar un buque oceanográfico á zona do naufraxio para realizar prospeccións pesqueiras e non para baixar ao pecio.

"Aínda están a tempo de dicir a verdade, os dous, e non contar máis mentiras. A verdade vaise a acabar sabendo porque os 21 falecidos teñen detrás a familia, amigos e toda a xente do mar, que seguirán insistindo para que se investigue", declarou este sábado María José Do Pazo, portavoz do colectivo.

Do Pazo referiuse ás dúas versións que deu o patrón do Vila de Pitanxo sobre as causas do afundimento, recollidas pola prensa. "Si é certo o que di. As pescudas da Garda Civil corroboran que no Praia de Menduiña -o buque que os recolleu- o patrón explicou unha versión distinta á posterior sobre a parada do motor", asegurou.

"Covardía e as mentiras"

Sobre se espera algunha imputación após as declaracións dos investigados na Audiencia Nacional, Do Pazo afirma "confiar en que se faga xustiza". Insiste así en que digan a verdade. "Non o van a poder tapar. Pídolles que reflexionen. Vai ser peor se contan mentiras", sinalou.

Non se pode permitir que un sinistro desta magnitude non se investigue

Os familiares insisten en que non van deixar "que gañen a covardía e as mentiras". "Non se pode permitir que un sinistro desta magnitude non se investigue", comentaron.

Do Pazo confirmou que o atestado coas últimas investigacións da Garda Civil de Pontevedra "dá a razón aos familiares", e aos expertos que con eles colaboran, e ve "delitos imputábeis, indicios claros de 21 homicidios imprudentes", tal e como eles denunciaron na querela interposta a semana pasada contra o patrón, o seu sobriño e a armadora.

Concentración en Vigo

Familias e achegados dos desaparecidos concentráronse nas inmediacións do Náutico de Vigo para denunciar que o Goberno estatal vaia enviar un buque á zona do naufraxio para realizar prospeccións pesqueiras e non para baixar ao pecio.

Cualificaron a decisión de "insultante e vergoñenta" antes de asegurar "que si se pode facer" -baixar ao navío afundido-.

Os familiares tiñan previsto manifestarse perto de onde estaba atracado o buque oceanográfico 'Vizconde de Eza', mais "cambiou de localización durante a noite".

"Gustaríame que vísedes o barco. Lamentabelmente, de forma vergoñosa, alguén deu orde esta noite de movelo. Antes estaba nunha zona pública de libre acceso, e agora non somos capaces nin de velo", denunciou María José do Pazo, que incidiu en que se trata dun "menosprezo" cara á xente do mar.

Capacidade para baixar ao buque

O buque partirá cara a Terranova para realizar prospeccións pesqueiras durante tres meses, "exactamente no mesmo cuadrante no que se afundiu o Pitanxo".

Levamos tres meses tendendo a man para recibir explicacións e só temos obstáculos e mentiras

Do Pazo asegurou que as autoridades "menten" e que, máis aló dos ofrecementos de fora para baixar ao Vila de Pitanxo, España posúe os instrumentos necesarios para descender con autonomía de até 2.000 metros de profundidade.

"O único que pedimos é que se investigue o maior sinistro marítimo deste século. Onte alguén tivo que ter unha reunión de urxencia para mover o barco. Por que non se reuniron para ter unhas palabras coas familias? Aí demóstrase a vergoña que nos dá este Goberno. É un insulto; levamos tres meses tendendo a man para recibir explicacións e só temos obstáculos e mentiras", insistiu a portavoz.

Viaxe a Madrid

Do Pazo anunciou que o vindeiro mércores estarán en Madrid, xa que o presidente comparecerá ante o Congreso para tratar o tema do Sáhara. Esperan que os reciba e lles explique "aquel compromiso que fixera de facer o posíbel e o imposíbel".

Ademais, criticou tamén a actuación "nula" das persoas "nas que Pedro Sánchez delegou a investigación", ás que cualificou de "incompetentes" e ás que instou a "dimitir" se tivesen "algo de dignidade".

Concretamente referiuse ao delegado do Goberno en Galiza, José Miñóns, e ao director de Sasemar, a quen instou a "rectificar e poñerse a traballar para axudar ás familias".