Familiares das vítimas do 'Pitanxo' fan "dous anos de sufrimento e calvario"

Varias persoas participaron nunha ofrenda de flores durante unha homenaxe ás vítimas no segundo aniversario do naufraxio do ‘Villa de Pitanxo. (Foto: Europa Press).
Reclamaron "xustiza" ante as tres principais candidatas a ser a presidenta da Xunta despois do 18-F. 

Veciñanza e autoridades arrouparon este sábado na localidade de Marín (O Morrazo) as familias dos falecidos no afundimento do pesqueiro Vila de Pitanxo, durante a homenaxe organizada polos seus achegados con motivo do segundo aniversario do naufraxio.

A súa portavoz, María José de Pazo, fixo balance destes "dous anos de sufrimento e calvario" á espera de ter "unha sentenza firme, en busca da verdade", que lles levará á "xustiza". "Ese día por fin poderán descansar en paz os 21", sinalou.

O encontro desenvolveuse arredor da placa que se instalou hai un ano por estas datas no Paseo Alcalde Blanco, xunto ao porto, e que contén os nomes das vítimas, das cales 12 non puideron ser rescatadas.

Contou coa presenza de numerosos representantes políticos -entre cargos do Goberno estatal, a Xunta, a Deputación de Pontevedra, os concellos de procedencia dos falecidos e mesmo a nivel europeo- e dos candidatos á presidencia da Xunta do PP, do BNG e do PSdeG.

Ao tratarse da xornada de reflexión previa ás eleccións, María José de Pazo aclarou ao comezo do acto que o "único obxectivo" desta homenaxe foi "por e para os 21 falecidos" e, por extensión, a "familia do mar".

A pesar da "pena" por este "triste" aniversario, a portavoz das familias destacou que o que lles achegou "un pouco de consolo" neste tempo foi conseguir que levase a cabo a misión para baixar ao pecio, en augas de Terranova. Unha "reivindicación" que "mereceu a pena", afirmou María José de Pazo, polos "datos tanxíbeis" obtidos para o informe pericial, que permitirá "unha instrución profunda e rigorosa" do caso, precisou.

"Xa que ninguén nos vai devolver os 21 que nos faltan, que eles sirvan para mellorar e avanzar", insistiu, "e que non volva pasar".

Así, referiuse á presenza de integrantes da Confederación Española de Pesca (Cepesca), eloxiando que "moita xente do sector é un orgullo", fronte a outra parte da patronal "que non é como debe ser" -en alusión á casa armadora do Vila de Pitanxo, Pesqueiras Nores- e coa que "hai que ser críticos". María José de Pazo demandou que "as cousas teñen que cambiar" e "á que non cumpre hai que apartala".

Samuel Kwesi

Entre os momentos máis emotivos desta homenaxe resaltou a discreta participación dun dos tres sobreviventes do naufraxio, Samuel Kwesi, cuxa testemuña foi nunha liña distinta á da versión da empresa armadora sobre a traxedia ocorrida o 15 de febreiro de 2022 fronte á costa de Canadá. María José de Pazo referiuse a el como unha "persoa fundamental, o maior estandarte na procura da verdade", polo que lle dedicaron repetidos aplausos durante o acto.

O mariñeiro ganés non tomou a palabra, pero sumouse, como un veciño máis, á ofrenda floral coa que finalizou o acto. Samuel Kwesi foi unha das últimas persoas en depositar unha rosa branca -que previamente bicou- ante o monumento aos seus compañeiros, secándose as bágoas mentres o público volvía aplaudirlle.

Finalmente, familiares dos 21 falecidos -algúns desprazados expresamente desde Perú- pronunciaron, un a un, os seus nomes mentres depositaban rosas brancas ante a placa conmemorativa. Seguíronlles o presidente da Xunta e candidato do PP, Alfonso Rueda, xunto coa alcaldesa de Marín, María Ramallo; o delegado do Goberno na Galiza, Pedro Blanco, e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada; e a continuación as aspirantes do PSdeG-PSOE e do BNG, José Ramón Gómez Besteiro e Ana Pontón, respectivamente.

Coa base da placa cuberta de rosas, a homenaxe -que a música de dous violinistas acompañou as ofrendas- concluíu coa interpretación de 'Meu amor é mariñeiro' e coreando o lema 'Sempre connosco' antes de que as familias, xa na intimidade, dirixíronse a depositar flores no mar.