A familia Franco presenta nova documentación para "facer valer" a propiedade do pazo de Meirás

O xuízo pola titularidade do pazo de Meirás terá lugar en xullo. (Europa Press)
A familia Franco incorporou á causa xudicial pola titularidade do pazo de Meirás, en Sada, unha serie de documentación que inclúe as declaracións da renda do ditador Francisco Franco Bahamonde do ano 1960 sobre o exercicio 1959 e do ano 1958, na que se inclúe este ben inmóbel como propiedade. 

Os documentos presentáronse de cara ao xuízo que comezará o 6 de xullo na Coruña, após a vista preliminar celebrada hai unha semana se pechase sen acordo entre as partes. No día de onte, o avogado que representa a familia Franco, Luis Felipe Utrera Molina, remarcou que toda a documentación achegada, que non foi impugnada polas partes demandantes, trata de "facer valer" que o pazo era considerado "unha propiedade privada". 

A demanda pola titularidade deste conxunto de bens inmóbeis foi impulsada pola Avogacía do Estado e a ela adhiríronse os concellos de Sada e da Coruña e a Xunta, que reclaman a incorporación ao Patrimonio Nacional do pazo.

Nas declaracións incorporadas á causa tamén se inclúen os rendementos agrícolas por leiras destinadas a cultivos. Na documentación achegada atópanse ademais dúas pólizas de seguros en caso de incendios, para protexer os bens incluídos no pazo.

Segundo a información que foi adiantada pola Cadena Ser, unha delas, de entre 1959 e 1969, aseguraba un capital de 2,5 millóns de pesetas, cun custo da prima de 3.790,10 pesetas, no valor da metade do século XX. Outra das pólizas remitidas é do 27 de abril de 1940 e tamén por duración de dez anos. Dela, 1.250.000 pesetas aseguraban, segundo o documento, a casa señorial, mentres que un millón de pesetas protexía o mobiliario. As 250.000 pesetas restantes cubrían o valor de xoias, encaixes, tapices, biblioteca, piano e outros obxectos de arte.

Tamén se remitiu ao xulgado un informe da Avogacía do Estado de abril de 2018, co Goberno de Mariano Raxoi, no que se examinaba a reclamación da Deputación da Coruña sobre o pazo de Meirás. Nel, a institución conclúe que "aínda que foi unha das dúas residencias oficiais estivais do xefe de Estado (...) desde 1941 a 1975, ao non ser nunca propiedade do Estado, nin puido nin pode integrarse en Patrimonio Nacional". "E iso por aplicación das leis de 7 de marzo de 1940 e de 16 de xuño de 1982. Na súa virtude, o Consello de Administración da entidade non está lexitimado para a súa reivindicación", conclúe o escrito.