A familia Franco, obrigada pola lei, abre por primeira vez ao público a Casa Cornide
A familia Franco abriu esta segunda feira, día 4 de agosto, as visitas á Casa Cornide, situada na Coruña e cuxa propiedade reclama para o patrimonio público o Concello, como fixo no seu momento o Estado co Pazo de Meirás, co inicio de actuacións xa a este respecto.
A familia do ditador habilitou unha web onde se poden reservar as visitas, sendo a segunda feira o único día da semana que abre as súas portas ao público. A medida adoptárona tras ser multados por incumprir con esta obrigación, como lles requirira a Xunta da Galiza unha vez declarado o inmóbel Ben de Interese Cultural (BIC).
A Casa Cornide, un palacete do século XVIII, pasou a mans dos Franco tras unha poxa gañada por Pedro Barrié de la Maza, que cedeu na década dos sesenta o edificio á esposa do ditador, Carmen Polo, aínda que antes fora patrimonio municipal e estatal.
Unha vez declarado BIC o inmóbel, a familia Franco, tras adquirir firmeza o procedemento aberto en 2021 e que concluíu en 2023, tiña a obrigación de cumprir coa apertura ao público do inmóbel catro días ao mes segundo a lei, o que non fixeran até o de agora e o que supuxo unha multa de 3.000 euros.
Reaccións
A primeira hora, cando se procedeu á apertura ás nove da mañá, desprazáronse ao inmóbel, para realizar a visita, a alcaldesa, Inés Rei, quen, á saída, subliñou que "por fin os Franco compren a lei". "Un ben público que pasou a mans privadas nunha época na que o ditador e a súa familia entendía que todo lles pertencía", engadiu.
Á súa vez, o portavoz municipal do BNG, Francisco Jorquera, do que a rexedora dixo que o seu equipo decidiu incluílo nesta primeira visita por ser un dos impulsores para que fose declarado BIC, trasladou a súa confianza en que este sexa o primeiro paso para "a restitución" do inmóbel ao patrimonio público tras pasar á familia Franco no que cualificou como un "auténtico roubo".
Rubén Centeno, membro da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, e o historiador Alfredo Vigo, foron outros dos participantes nesta visita, o primeiro como integrante do colectivo memorialista e o segundo como autor do informe para a declaración BIC.
Este último destacou algúns dos elementos existentes no interior, como teitos orixinais de pedra ou "algunha estatua", como unha do apóstolo Santiago, así como réplicas de portas. "Non hai xa ningún moble, de Cornide nada", aseverou sobre outros elementos anteriores a que o inmóbel pasase aos Franco.