A familia de Déborah Fernández "dáse por vencida" e pide o sobresemento da causa

Familiares de Déborah Fernández ao lado da casa onde a moza residía (Foto: Pedro Davila / Europa Press).
O avogado da familia subliñou que desde que se denegou o pase a procedemento de xurado por parte da xuíza en novembro do ano pasado, "carecía de sentido continuar coa presente instrución".

A familia de Déborah Fernández Cervera, a moza viguesa que apareceu morta nunha cuneta do Rosal en 2002, deuse "por vencida" e pediu o sobresemento provisional do caso ante os "malos tratos" da xustiza, do Estado español e do Estado de dereito, tras máis de 20 anos loitando para atopar o culpábel do falecemento da muller.

"Dámonos por vencidos. É difícil derrubar un muro con bólas de papel, por moitas que tiremos. Os familiares xa non queren soportar máis o que entenden como uns malos tratos da Administración de Xustiza, do Estado español e do Estado de dereito", indicou un dos avogados da familia, Ignacio Amoedo, ante os medios de comunicación.

El explicou que o pasado luns se lles deu trasladado dunha providencia do 4 de xullo co obxectivo de que manifestasen a súa opinión sobre a prórroga do caso, que finaliza nuns días.

Neste sentido, subliñou que desde que se denegou o pase a procedemento de xurado por parte da xuíza en novembro do ano pasado, "carecía de sentido continuar coa presente instrución" e xa en abril os avogados da familia preguntaron ao xulgado se era necesario continuar coa causa e "facer sufrir a familia" se por aquel entón xa se pensaba (por parte da xuíza) que a moza "non morrera de forma violenta".

"Para que manter como investigado a persoa algunha? Para que seguir facendo sufrir a familia? Para que facer gastar diñeiro ás partes con periciais de diferente tipo? Para que seguir practicando probas? Que valor tiña o atestado de 2019 da Policía Nacional, que sinalaba unha persoa como autora da desaparición e morte de Déborah? Se consideraban que o mesmo era unha invención, por que non se indicou aos axentes que fixesen ben o seu traballo?", lamentou o avogado, lembrando que por aquel entón se solicitou a declaración do doutor Curiel "e na mesma os seus argumentos foron atacados a fin de manter viva a teoría da morte súbita".

Nun emotivo discurso, Amoedo fixo un repaso de todo o vivido desde 2002, criticando certos aspectos como é o caso do disco duro do computador da moza que, segundo os peritos de Lazarus (inicialmente propostos pola propia maxistrada) fora manipulado nalgún momento despois de ser entregado á Policía Nacional. Con todo, a Garda Civil concluíu que non fora manipulado.

Tamén se referiu ao móbil da vítima, que apareceu o ano pasado nun cartapacio "descoñecido até a data" nunha comisaría de Madrid sen tarxeta SIM. "Tampouco sacaremos nada en limpo da inspección do teléfono móbil porque dúas persoas con nome e apelidos quitáronlla (a SIM) cando o recolleron", criticou.

Por todo iso, lamentou a "inacción" do Ministerio Fiscal, aínda que entendéndoa "lexítima porque consideran que non hai delito". Con todo, tras o oficio da Policía en 2019 (onde se sinalaba un culpábel da morte), Fiscalía tampouco actuou, ao seu xuízo.

A pesar de solicitar decenas de dilixencias de probas, que na maioría dos casos foron denegadas, finalmente a familia deixou de crer "no Estado de dereito" e déronse " por vencidos", esperando que ninguén teña que pasar polo que eles tiveron que vivir.

"Opoñémonos á prórroga da instrución e, se se entende que non hai elementos para abrir o procedemento de xurado que se proceda ao sobresemento provisional da causa. O cal non quere dicir que non se seguirá traballando, que coa causa fechada seguirase traballando para tentar saber que pasou con Déborah Fernández. Isto non é un adeus, é un até logo", sentenciou o avogado da familia.

"O fin da vergoña"

Tras el, foi a nai da propia Déborah a que quixo agradecer aos medios de comunicación o seu traballo ao longo de todos estes anos, que permitiu a reapertura do caso en 2019.

Ela leu un texto sobre "o fin da vergoña", no cal se referiu aos "erros da investigación" que terminaron sinalando a "morte súbita" como unha posíbel causa do falecemento da moza na que "convenientemente coinciden o fiscal e a defensa".

"O absurdo de exixir responsabilidades a Déborah por morrer, por ser asasinada dunha maneira tan pouco elucuente, sufocada, asfixiada, privada de aire até matala. E a súa voz segue molestando, o seu recordo segue ameazando a quen a matou", engadiu.

Para ela, a xustiza "non os ampara" e non ampara Déborah. "Non podemos consentir que a instrución converta nunha burla a súa memoria. Non podemos permitir que maten tamén a súa dignidade. Até aquí decidimos chegar no ámbito da instrución", sentenciou, esperando que non volva suceder un caso similar ao que tiveron que soportar eles.