A falta de uso reduce a utilidade das aplicacións de rastrexo de contactos

Unha persoa toma una foto para captar o código QR na porta dun restaurante na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Indiferenza, desinformación e desconfianza lastran o éxito das app Covid.

As aplicacións de rastrexo de contactos comezaron a instalarse nos teléfonos intelixentes a finais do verán pasado. Superada a primeira vaga da pandemia, tratábase de gañar tempo fronte ao coronavirus seguindo a estela de países como a China ou Corea do Sur, dos primeiros en desenvolver as súas propias app para alertar de novos contaxios e controlar que as persoas infectadas respectan o illamento domiciliario.

Radar Covid foi a primeira opción dispoñíbel para os usuarios da Galiza, unha aplicación deseñada pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial (Sedia)  do Goberno estatal baseada na tecnoloxía Bluetooth. O sistema detecta cando o teléfono móbil das usuarias estiveron perto dunha persoa contaxiada nos catorce días anteriores a un novo diagnóstico.

Cando o dono do teléfono dá positivo, as autoridades sanitarias proporciónanlle un código que introduce na app e permite alertar os contactos máis próximos, aqueles cuxos móbiles estiveron perto da persoa contaxiada polo menos 15 minutos. O aviso garante o anonimato tanto da persoa infectada como dos seus posíbeis contaxios, polo que ninguén precisa rexistrar os seus datos persoais. 

Galiza permanece conectada a Radar Covid desde o 14 de setembro de 2020. Segundo as últimas estatísticas facilitadas por Sedia, neste medio ano solicitou un total 104.601 códigos para un total de 96.256 casos confirmados, dos que so 5.232 chegaron a introducilo na aplicación. Porén, Galiza é o terceiro territorio con maior porcentaxe de códigos introducidos por casos confirmados por detrás de Euskadi, con 6,7%, e Asturias, con 6,5%.

Desconfianza e indiferenza

En todo o Estado Radar Covid acumula 7.150.137 descargas, o que representa 17% da poboación máis de 15 anos. Un resultado que dista moito das previsións iniciais, máis optimistas. "O que buscan este tipo de aplicación é mellorar o seguimento e a información sobre a pandemia, mais se non gozan dun uso masivo non teñen o valor para o que foron concibidas", explican desde o Colexio de Enxeñaría Informática da Galiza. Segundo o seu presidente, Fernando Suárez, a poboación demostra "un medo pola intimidade e a privacidade que non exhibe con outras app de orixe máis dubidosa, ás que entregan moita máis información e usan de forma indiscriminada". 

Hostalaría segura

Neste sentido, apunta "falta de uso e cultura" mais tamén de pedagoxía para reverter o receo que producen as app promovidas polas administracións públicas. E pon un exemplo: o incremento dos usos da PassCovid, a app da Xunta da Galiza, que ademais de facilitar os labores de rastrexo de contactos, tamén achega información de interese para as usuarias desde o mes de outono.

"Agora, ademais, pode usarse nos locais de hostalaría para consultar a súa capacidade e deixar constancia do nosa presenza, mais non para  controlar onde estamos senón para favorecer a vixilancia ante un posíbel contaxio", salienta Fernando Suárez. "Eu non vexo que se use. Xera desconfianza, o que significa que fallou a comunicación á hora de explicar esta nova funcionalidade".

"Se non se explica ben a función do QR, non vai servir de moito"

Desde o pasado 12 de marzo os estabelecementos de hostalaría da Galiza teñen a obriga de dispor dun código QR que garanta a "declaración responsábel de capacidade e trazabilidade" que as e os usuarios poden escanear a través da app PassCovid co fin de rexistrar os locais que visitou e facilitar o aviso en caso de que se detecte un positivo nalgún deles.

O rexistro é voluntario para os usuarios, mais para os hostaleiros é un deber amparado polo Plan de Hostalaría Segura da Xunta. "Os locais cumpren e actualizan os códigos conforme mudan os límites de capacidade", asegura Lois Lopes, de Hostalaría Compostela, "agora que se utilicen é outra cousa". Lopes censura que a medida afecte só á hostalaría e que se implantara sen contar co sector nin explicar ben a utilidade desta nova función