Rueda chama á "solidariedade galega" para doar sangue logo de que o CHUS adiase unha cirurxía de cancro

O presidente galego pediu manter un ritmo de 500 doazóns diarias. (Foto: Xunta da Galiza)
Estas declaracións chegan logo de que 'Nós Diario' informase do adiamento dunha cirurxía de cancro no CHUS por falta de sangue, cando a paciente estaba xa sedada no quirófano.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo esta cuarta feira un chamamento xeneralizado á poboación galega para alcanzar unha media de 500 doazóns de sangue diarias e, así, liquidar a "falta de reservas durante os meses de verán".

Así o explicou Rueda desde unha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), no municipio de Miño.

Alí, o titular do Goberno galego subliñou a "necesidade" de manter boas cifras de doazóns na época estival. "É máis necesario que nunca realizar un pequeno esforzo que vai ir en beneficio de todos", precisou o presidente.

Os niveis das últimas semanas foron "baixos"

Segundo datos achegados pola Xunta, as últimas semanas roldan as 300 doazóns diarias, uns "baixos niveis". Porén, esta terza feira alcanzáronse as 500 extraccións, de maneira que o Goberno galego apela á "solidariedade" para manter a cifra nos próximos días.

Cirurxía de cancro adiada por falta de sangue

Estas declaracións do presidente chegan logo de que na terza feira Nós Diario informase do caso dunha paciente á que se lle suspendeu unha cirurxía de cancro de páncreas no Hospital Clínico de Santiago, na mañá desta segunda feira e cando xa estaba sedada no quirófano, por falta de sangue dispoñíbel.

En resposta a preguntas deste xornal, fontes do Sergas precisaron que o adiamento desta intervención, programada un mes atrás e confirmada a pasada semana, debeuse a que "poden xurdir emerxencias vitais que requiren das reservas de sangue". Ante esta situación, "e sempre seguindo criterios clínicos", matizaron, "priorízanse as Intervencións de Riscos extremos".

Pola contra, desde a Asociación de Pacientes do CHUS, o seu presidente, Fernando Abraldes, indicaba a Nós Diario: "Non é un problema de falta de doantes, senón dunha mala xestión de recursos públicos. Non podes causar este dano físico e moral á paciente e logo suspendela".