A falta de persoal e a chegada masiva de turistas colapsan a Atención Primaria

Paseo da praia de Silgar, en Sanxenxo, onde as e os profesionais médicos deben destinar 50% das súas xornadas a atender turistas (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).
Os médicos do centro de saúde de Baltar (Sanxenxo) deben dedicar 50% das súas xornadas laborais a atenderen pacientes non censados no municipio; no resto do tempo, manteñen as súas axendas habituais. A chegada de turistas colapsa en todo o país unha Atención Primaria desbordada pola falta de persoal de reforzo.

As e os profesionais da Atención Primaria levan tempo advertindo da saturación que están a sufrir os Puntos de Atención Continuada (PAC) de todo o país por mor da alta incidencia da Covid-19, unha situación agravada nas últimas semanas debido ao período de vacacións e a consecuente redución dos cadros de persoal.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, restou importancia a esta cuestión na súa comparecencia ante o Parlamento da Galiza: "Dicir que nun centro de saúde en agosto a metade dos médicos están de vacacións resulta obvio", dixo, ao tempo que recoñeceu a "preocupante" situación que atravesa a Primaria.

Esa mesma preocupación trasladárona ás rúas na cuarta feira as e os profesionais do PAC de Baltar —Sanxenxo—, protestando contra a decisión da Consellaría de non enviar reforzos este ano a un centro que conta cunha soa enfermeira. Aliás, as e os doutores atopan nas súas axendas até 99 pacientes por día e deben realizar gardas que superan as 17 horas.

Alén de non reforzar os cadros de persoal, a xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés instou os médicos a destinaren 50% das súas xornadas laborais a atender exclusivamente turistas e outras persoas non residentes no territorio. "Na metade de tempo temos que atender un número case igual de pacientes de Sanxenxo que nun horario completo", cuestionaron.

Cómpre lembrar que nesta vila turística, de pouco máis de 17.000 habitantes, a poboación chega a multiplicarse por oito no verán. Hoxe, para dar servizo a arredor de 100.000 persoas, hai apenas oito médicos.

De feito, Sanxenxo fica no nivel máximo de restricións cunha incidencia acumulada a 14 días de 1.378 casos por cada 100.000 habitantes, habida conta, como xa adiantara Nós Diario, de que a Xunta non computa no municipio os positivos de persoas non censadas, polo que as cifras reais de contaxios poderían ser moito maiores.

"Este é o resultado da falta de previsión e xestión"

Para o portavoz da plataforma SOS Sanidade Pública, Xosé María Dios Diz, a saturación que padece o centro de Baltar por mor da chegada masiva de turistas podería terse evitado: "Se ti sabes que a poboación medra nun concello até niveis tan altos en agosto, non podes ter o mesmo persoal para atendela, e isto alén das persoas que colleron vacacións. É un problema de capacidade, se de 18 profesionais quedan 12 e teñen que asumir a mesma carga de traballo, está claro que a calidade da atención non pode ser a mesma", sinala a este xornal.

Neste senso, considera que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) debería enviar nesta época ás localidades turísticas como Sanxenxo un médico de desprazados, "como se fixo toda a vida".

"Levan doce anos no goberno sen saber xestionar a Sanidade, e as e os profesionais da Primaria sempre teñen que apandar con todo. Nós seguiremos a protestar nas rúas e faremos unha nova folga, mais, de que serve se teñen maioría absoluta?", engade.

"Non hai médicos porque queren condicións dignas"

A respecto da falta de persoal, García Comesaña ironizou na Cámara galega: "Non temos unha vara máxica para sacar médicos onde non os hai". Mais Dios Diz replica as palabras do conselleiro: "Se na convocatoria do MIR se presentan 30.000 persoas e só outorgas 3.000 prazas, iso significa que outras 27.000 fican desertas. A solución ante a falta de persoal é ben sinxela".

Con todo, o médico de familia de Outes matiza que, malia haberen "profesionais abondo" na Galiza, estes vense "obrigados" a marchar: "A xente quere unha profesión digna, non a inestabilidade e precariedade que sofren na Galiza. Aquí formamos durante once anos médicos que logo piden o traslado a outros territorios do Estado buscando mellores condicións laborais", afirma.

O doutor incide na importancia de incrementar o orzamento da Atención Primaria a 25% do gasto total en Sanidade, como recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS), así como dotar os PAC de xerencias propias para optimizar a xestión: "Os sucesivos gobernos de Núñez Feixoo fóronnos retirando recursos para deteriorar o sistema", censura.

"Coñecen o problema, mais fáltalles vontade"

Na cuarta feira celebrouse unha nova sesión do Consello Técnico de Atención Primaria, presidido pola Consellaría e do que forman parte diversas organizacións como SOS Sanidade Pública. Neste encontro definíronse os pasos para concretar en setembro parte das reformas acordadas até o momento.

Malia recoñecer a "boa disposición" nestas xuntanzas, Dios Diz bota en falta feitos concretos: "Coñecen o problema e as intencións son boas, mais falta vontade para levalas a cabo. Semella que poñen as orelleiras cando expomos a nosa situación", asegura.