Crise dos pellets

A falta de medios e de información segue a marcar o actuar da Xunta ao mes da crise dos pellets

Á esquerda, persoal retirando microplásticos da praia de Area Maior, en Muros, unha das máis afectadas. Á dereita, mapa cos areais con presenza de pellets. (Foto: Europa Press)
Un mes desde a detección, 13 de decembro, dos pellets na costa galega e camiño das dúas semanas desde que a Xunta da Galiza activou o plan contra a contaminación, Alcaldías e voluntariado indican que as bólas continúan a chegar e que se segue a pagar a tardanza da Administración en reaccionar.

Avicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, indicaba este domingo que as condicións meteorolóxicas que a mediados de semana apuntaban a unha chegada masiva de pellets ás Rías Baixas, apuntaban agora a que as bólas de plástico ían cara ao Cantábrico. "Pois aquí ninguén da Xunta  da Galiza se puxo en contacto connosco" para advertir ou informar desa posíbel chegada de máis pellets, indicaba esta segunda feira a Nós Diario Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros, na Mariña, comarca bañada polo Cantábrico.

A rexedora deste municipio do norte da Galiza sinala que detectaron a mediados da pasada semana os primeiros pellets nas praias máis orientais do Concello, o que lle notificaron á Administración autonómica. "Queriamos informar diso e que nos informase tamén do que había, para así estar preparados para actuar de modo máis eficiente" ante a chegada das bólas de plástico. Mais non houbo esa información.

Tamén contundente se mostraba esta segunda feira o alcalde de Nigrán, na comarca de Vigo, Juan Antonio González Pérez. "Non temos nin apoio nin información por parte da Xunta", afirmaba en conversa con Nós Diario. O rexedor lamentou especialmente a "nula comunicación" por parte da Administración galega ao longo destas semanas. "É dun desleixo que non ten xustificación", denuncia. O rexedor nigranés apunta que as praias do Concello non sufriron un impacto da marea plástico como as das zionas máis afectadas, como as rías de Arousa ou   Noira-Muros, mais o traballo de retirar os plásticos recaeu sobre Concello e voluntarios.

Pola súa parte, a alcaldesa de Muros, María Lago, municipio que co de Ribeira son sinalados como unha especial de 'zona cero' da marea plástica afirma que os temporais desta fin de semana trouxeron ás praias muradás unha cantidade importante de pellets. Lago lembra que en Muros está despregada para recoller os microplásticos unha empresa con 50 persoas contratadas pola aseguradora do barco de onde caeu o contedor de granulados.

"Non me explico como isto non está centralizado pola Xunta para que iso exista en máis concellos", afirma a Nós Diario. "Isto, que a aseguradora se faga cargo destas tarefas, tiña que darse en todos os municipios, debía a Xunta de estar a coordinar iso. En cambio, desde os municipios chámannos aquí para preguntar como teñen que facer".

As consecuencias de actuar "tarde"

Itziar Díaz é unha das coordinadoras das xornadas de formación de voluntariado que a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) impulsa  nestes días en diferentes concellos para instruír as persoas voluntarias no procedemento adecuado para retirar pellets e plásticos sen prexudicar o ambiente. "Continúa a haber pellets nas praias e coas mareas desta fin de semana chegaron a zonas máis perto da liña" coa zona terrestre.

Díaz incide no laborioso e "complicado que é retirar" estas bólas plásticas evitando que con elas vaia materia orgánica. "Había que comezar a actuar antes e había que actuar ben", afirma a este medio sobre a xestión da crise das bólas de plástico nas nosas costas por parte da Administración.

"Creo que se está a actuar tarde, descoordinadamente e non hai un plan para actuar rápido ante este tipo de situacións", reitera Ana Hermida pide mirar máis aló e comezar a pensar en protocolos ou actuacións a respecto de "todos eses barcos que pasan ante as nosas costas cargados con mercadorías que poden ser perigosas".

Cada día, unha media de 35 destes buques navegan ante o litoral da Galiza e, como adoitan denunciar voces como a de Xaquín Rubido, Xocas, biólogo e portavoz da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa que “moitos dos buques con mercadorías perigosas teñen bandeiras de conveniencia e non cumpren a normativa europea".

Para González Pérez, o Executivo galego limitouse a facer a respecto dos pellets "o que vai en temas como a sanidade ou o paro", que é "botar a culpa aos demais". E María Lago insiste: "Non houbo xestión e segue sen habela. Houbo movementos mais non efectividade nin avaliación real deste problema". Porén, desde o Goberno galego a visión da súa propia xestión é ben diferente.

"Matrícula de honra"

A vicepresidenta segunda da Xunta afirmou esta segunda feira a respecto do actuar do Executivo sobre a crise pola presenza de marea de plástico nas costas da Galiza que "estou convencida de que o persoal da Xunta e o Plan contra a contaminación mariña actuou de 10, por non dicir que actuou de matrícula de honra". A Xunta informou que que o dispositivo despregado nos últimos días nas praias e no mar para a recollida dos pellets "permitiu recuperar até esta fin de semana o equivalente a perto de 92 sacos".

Para Raquel, voluntaria estes días na recollida de microplásticos en praias do Barbanza, "parece unha broma de mal gusto, desde a Xunta mandan aos medios un saco recollido por un helicóptero de Gardacostas como se aquilo fose o máximo da eficiencia".


O ecoloxismo reprocha a Vázquez a "falta de reacción e de transparencia"

Esta segunda feira, 32 días despois de que en Corrubedo un veciño detectase nunha praia os primeiros pellets procedentes da carga perdida polo Toconao fronte ás costas portuguesas, daba os primeiros pasos o comité de expertos impulsado pola Xunta da Galiza. A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez —portavoz do Executivo nesta crise— avanzou que hoxe anunciarase a composición desta comisión,que avaliará os efectos da vertedura de pélets.

A propia conselleira anunciou que se reuniu con diferentes entidades e colectivos, como Adega e con outras asociacións ecoloxistas, para que lle trasladen quen queren que participe, "aínda que deberá ser un investigador, un biólogo ou un químico". Desde Adega, o seu presidente Roi Cuba, indica que lle transmitiron á conselleira "a preocupación do movemento ecoloxista galego ante a falta de reacción temperá, de transparencia e información e dunha xestión adecuada por parte da Xunta de Galiza". 

Entre as cuestións expostas pola delegación de Adega á conselleira están as da revisión do plano de resposta fronte contaminación mariña accidental; a de contar cunha información pública "constante, rigorosa e veraz sobre accidentes/incidentes marítimos"; ou o risco que a vertedura de pellets plásticos "ten para a preservación dos espazos naturais protexidos do litoral".