Día da Saúde Mental

As prisións galegas teñen vacantes seis de cada dez prazas de médicos

Centro penitenciario de Teixeiro. (Foto: Nós Diario)
Sindicatos advirten do "déficit" nos centros penitenciarios para atender problemas de saúde mental, que supoñen 40% dos ingresos nas enfermarías. Nas prisións da Galiza hai 18 médicos dun total de 31 prazas.

Máis de 40% dos ingresos nas enfermarías dos centros penais son por enfermidade mental, un dato que trasladou esta segunda feira o sindicato Acaip-UXT para o conxunto do Estado español pero que, asegura, é "extrapolábel" ao caso concreto da Galiza.

De feito, nun comunicado, o sindicato maioritario en prisións alerta do déficit de persoal sanitario nos centros penais, algo que pode acabar sendo "contraproducente" para a sanidade en xeral, xa que suporá a saída máis habitual de internos aos centros hospitalarios.

Este 10 de outubro, con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, Acaip quixo pór o acento no "grave problema que as patoloxías psiquiátricas supoñen nos centros penais". Segundo os últimos rexistros, no ano 2020 e para o conxunto do Estado, 7.432 internos e internas causaron alta nas enfermarías penais por patoloxías psiquiátricas, isto é, 41,6% do total.

Neste senso, o sindicato advirte de que a enfermidade mental en prisión é un dos "graves problemas aos que se enfronta a institución", que presenta un déficit de médicos que no mes de setembro alcanzou 61% a nivel estatal; 58% no caso galego, unha cifra que "en próximos meses subirá polas xubilacións" que se van producir nas prisións galegas.

Así, a central sindical subliñou que "é imposíbel dispensar unha atención axeitada, detectar problemas coa medicación e mesmo a prevención de brotes que deriven en problemas de réxime e agresións a outros reclusos ou traballadores".

Nas prisións galegas hai 18 médicos para 31 prazas

Segundo os datos achegados polo sindicato, o centro penal de Teixeiro, que debería contar con nove médicos, ten sete prazas vacantes, mentres que o da Lama conta con cinco prazas sen cubrir dos nove médicos que ten asignados. No caso de Bonxe, son cinco os médicos que lle corresponden, mais hai tres vacantes; en Monterroso, están a 50% —dous ocos—, e en Ourense falta un dos catro médicos.

30%, a tratamento

En xeral, e con base nestes mesmos datos, 30% da poboación recluída está actualmente en tratamento con medicación psiquiátrica e máis de 20% tentou dalgunha forma quitarse a vida. De feito, a taxa de suicidio en prisión é oito veces máis alta que a da poboación xeral, sendo a enfermidade mental a causa principal que hai detrás de moitas destas mortes.

O sistema penal conta unicamente con dous hospitais psiquiátricos, ningún na Galiza, dedicados a cumprir as medidas de seguridade privativas de liberdade impostas xudicialmente, de maneira que non actúan como hospitais de referencia para a atención estritamente falando, polo que se realiza nas enfermarías e módulos dos centros penais, que non dispoñen de medios nunha contorna na que 5% da poboación reclusa son enfermos mentais graves e crónicos.

Así as cousas, Acaip conclúe que a saúde mental "é unha das materias pendentes da sociedade, que en prisión se ve potenciada polas especiais circunstancias que se derivan de vivir nunha contorna pechada e as propias características das persoas privadas de liberdade, articulándose como un factor estresante e un posíbel percutor dunha enfermidade mental latente".

"Polo que a prevención, detección e tratamento é vital para evitar autolesións e incidentes reximentais. Co déficit da sanidade penal é imposíbel cubrir con garantías esta necesidade", avisan os funcionarios de prisións, que apuntan que a Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do sistema de saúde na súa disposición adicional sexta, estabelece que as comunidades autónomas, no prazo de 18 de meses, debían facerse cargo das transferencias sanitarias de prisións. Con todo, 19 anos despois só Catalunya, Euskadi e Navarra asumiron estas competencias.