Denuncia a CIG

A falta de mantemento do Hospital da Costa provoca a caída de cascallos

Zona perimetrada onde caeron os cascallos do Hospital da Costa

A CIG Saúde vén de denunciar publicamente a falta de mantemento do Hospital da Costa e as “deficiencias” na súa estrutura, que provocaron a caída dunha cornixa e desprendemento de cascallos.

O Hospital da Costa, centro sanitario con 30 anos de vida, vén de sufrir o desprendemento dunha cornixa e de cascallos sobre as beirarrúas de acceso ao centro. Para a CIG Saúde, esta situación derívase das “deficiencias” na estrutura do hospital e da falta de mantemento e de investimento por parte da Xunta de Galiza.

O sindicato nacionalista responsabiliza da situación de abandono que sofre este hospital os recortes do PP na sanidade pública e á “falta de compromiso” de Alberto Núñez Feijóo “coa sanidade da Mariña”. Neste contexto, a CIG Saúde empraza o Sergas a cumprir “o tantas veces prometido”, é dicir, a ampliación deste centro hospitalario, así como unha reforma integral para garantir “a seguridade do persoal” e a da veciñanza.

A CIG Saúde denuncia que o hospital, que cualifica de “obsoleto”, está deteriorado e carece de espazo para unha atención de calidade.

O Sergas, pola súa banda, salienta que o Hospital da Costa, “de referencia da área norte da provincia de Lugo”, conta cunha “poboación de dereito de 72.124 persoas, que se ve incrementada no verán e nas vacacións por ser zona turística”. A área hospitalaria, segundo a Consellaría de Sanidade, comprende os concellos de Ribadeo, Barreiros, Trabada, Mondoñedo, Lourenzá, Foz, O Valadouro, Alfoz, Cervo, Burela, Xove, Viveiro, Ourol e O Vicedo.