Veciñanza de Vigo volta á rúa para exixir a fin das peaxes na AP-9: "Basta xa desta aldraxe"
A Federación Veciñal Eduardo Chao de Vigo (Favec) convocou este 20 de febreiro unha concorrida manifestación na cidade olívica para exixir a "liberación da AP-9", unha reivinidcación histórica, "porque abonda xa desta aldraxe á Galiza", destacou a súa presidenta, María Pérez, a Nós Diario. "É un tema que se reclama desde hai moito tempo. Exiximos a gratuidade de toda a AP-9, non só do tramo de Vigo", lembrou.
Após o último incremento que sufriron as peaxes galegas desta autoestrada a principios de ano, o custo de viaxar desde Vigo até Fene (Ferrolterra) supera actualmente os 27 euros. "É un problema de país", sinalou Pérez, quen cre que "é hora de reclamar o que Galiza merece" con respecto a outras rexións do Estado nas que si se rescataron autoestradas. "Desde a Unión Europea xa se considera a prórroga ilegal, e isto non quita que se siga mantendo o agravio", lamenta, ao tempo que cualifica esta situación como "discriminatoria".
O problema da AP-9 non afecta só a veciñanza e persoas viaxeiras; tamén a transportistas e empresarios. É por iso que a concentración de onte foi apoiada por diversas asociacións e plataformas de toda Galiza, como a Asociación de Representantes do Comercio de Pontevedra (Asetranspo), a Confederación Galega de Asociacións Veciñais (Cogave) ou mesmo sindicatos e partidos políticos como a CIG, UXT, a CUT, o BNG —coa presenza da eurodeputada Ana Miranda— ou de Movemento Sumar Galicia. Na concentración houbo tamén representación do grupo municipal do BNG e do PP de Vigo.
A presidenta da Federación Veciñal Eduardo Chao de Vigo mostrouse tamén crítica coa posición dos partidos políticos "que van pasando a pelota de tellado en tellado". Pérez fala da necesidade de ter "conciencia política" e sinala directamente ao rexedor da cidade olívica, Abel Caballero. "O alcalde di que apoia, cando relamente non o fai, os seus veciños vigueses. Nós invitamos a todos para que houbese máis xente e máis reivindicación e non nos contestaron", afeou.
Desde estas asociacións seguirán "loitando" para exixir a gratuidade da AP-9 no seu conxunto. "Daremos un prazo de tempo para ver se hai movemento político, mais non nos renderemos porque é un clamor social que todo o mundo apoia", sentenciou a presidenta da asociación veciñal.
O BNG exixe "escoitar a cidadanía"
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, sinalou onte que "o Goberno do Estado ten que atender este clamor masivo e proceder a anular as prorrógas ilegais da concesión privatizada". Igrexas destacou que "é hora de que PSOE e PP abandonen definitivamente as súas posicións cínicas sobre a AP-9" e criticou, ademais, que agora o PP se "abandere" disto cando foron os que "hipotecaron aos galegos".
Caballero critica ao PP e ao BNG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, criticou onte o PP da cidade por defender agora a liberación da peaxe da AP-9, cando "non lla exixiu nin ao Goberno de Aznar nin ao de Raxoi", e reiterou que el si o fixo, afirmando que os populares deben "pedir perdón" aos galegos. O alcade dirixiu tamén as súas críticas ao BNG, que durante "anos e anos e anos" bloqueou a construción da autoestrada "con manifestacións violentas co argumento de que era unha navallada".