Denuncia da CIG

A falta dunha segunda fiscal orixina atrasos no xulgado de violencia sobre a muller da Coruña

As dúas xuízas teñen que “partillar” a única fiscal, o que imposibilita a realización simultánea de xuízos penais e civís e provoca atrasos e demoras, afirma o sindicato, que critica o "desleixo” da administración para dar unha solución.

O sector de Xustiza da CIG denuncia que a falta dunha segunda fiscal no xulgado de Violencia sobre a Muller da Coruña provoca retrasos pois, afirma, “ impide que os xuízos civís e penais se poidan realizar de maneira simultánea”. A ausencia desa segunda fiscal implica, ademais, que traballadores e traballadoras “teñan que prolongar a súa xornada laboral indebidamente”.

O sindicato explica que esta situación está motivada porque a xuíza de adscrición temporal que ocupaba o cargo antes da toma de posesión da xuíza titular non foi cesada, “mais tampouco recibiu aínda un nomeamento formal asinado e, polo tanto, a Fiscalía négase a enviar a unha segunda fiscal”. Esta negativa provoca segundo a central nacionalista que ambas as dúas xuízas (unha encargada dos procesos penais e outra dos civís) teñan que compartir a única fiscal destinada neste xulgado.

"Resulta imposíbel poder realizar ao mesmo tempo dous xuízos, o cal é pouco eficiente e causa un enorme prexuízo tanto á cidadanía (que sofre atrasos intolerábeis na resolución dos procesos e ten que agardar horas e horas nas dependencias xudiciais) como ao propio persoal, que se ve obrigado a prolongar a súa xornada laboral de maneira indebida", denuncia a CIG-Xustiza.

Esta situación xa foi posta en coñecemento tanto da Fiscalía como do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza para que adoptaran as medidas urxentes necesarias.